Na prensa subvencionada se fala continuamente de que o Goberno da Xunta vai acabar cos chiringuitos, cando a realidade o único que se vai facer é darlles cobertura legal (LOFAXGA), podendo integralos na propia Xunta ou ben noutros entes diferentes, coa facilidade de contratar a quen queiran e ter a posibilidade de substraerse do control na súa actividade.

Baixo este panorama, xunto co xa habitual de constante externalización de servizos públicos, resulta necesario que estatutariamente se contemple a existencia dun órgano colexiado de control onde este representada a parte social e que teña como atribucións o estudo, asesoramento, información, control e seguimento en materia de contratos celebrados ao abeiro da  Lei 30/2007, de 30 de outubro, de contratos do sector público.

A atención focalizaríase nos contratos que pola súa natureza poidan dar lugar a cesións ilegais de traballadores ou a contratos en fraude de lei, e ao mesmo tempo fixar se o obxecto e natureza do contrato non é determinado na duración da obra e servizo e pode considerarse que é un traballo estrutural a desenvolver con persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza. Así mesmo, este órgano colexiado tería que ser informado de calquera asistencia técnica que se desenvolva en centros dependentes da Administración autonómica.

A CIG presentou esta proposta na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 22 de xullo, co motivo da discusión do Decreto de creación da Axencia de Modernización, volveuno esixir nas alegacións presentadas á Axencia Galega de Innovación e seguirá defendendo este control necesario en todo novo ente que se cree baixo o paraugas desregulamentador da LOFAXGA.