Novas por contido

A Consellaría tiña enviada documentación ás organizacións sindicais na que anunciaba a súa intención de amortizar 12 postos, 4 deles en centros de ensino, 5 nas xefaturas territoriais e os tres restantes nos servizos centrais, todos eles, menos un, vacantes e sen contrato de substitución na actualidade.

A Consellaría presenta a proposta indicando que está vinculada á unha modificación do Decreto polo que se establece a súa estrutura orgánica, vencellándoa ás seguintes circunstancias:

  • En primeiro lugar pola necesidade, posta de manifesto polos representantes sindicais do persoal docente, de reforzar os servizos xurídicos, optando por crear catro servizos (un en cada provincia) para garantir unha atención axeitada ás problemáticas que se están a presentar nos centros de ensino. As características de algúns dos problemas que van xurdindo obrigan á creación de Servizos e non de Seccións para asegurar a confidencialidade. Segundo parece, Educación estase armando xuridicamente para facer fronte a unha sociedade que é cada vez máis hostil ás políticas que se está a aplicar. A Administración preséntao como unha medida de protección ao persoal docente, pero o seu funcionamento real coñecerémolo coa práctica.
  • En segundo lugar falan da necesidade de desdobrar o Servizo actual de Recursos complementarios en dous servizos: o de transporte escolar e o de comedores (tamén de cafetarías concedidas á empresa que decidan no futuro inmediato).
  • Finalmente falan da necesidade de reforzar Política Lingüística creando un novo servizo denominado Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección exterior da lingua.

Segundo a Consellaría, dado que a reforma estrutural que propoñen debe facerse cun custe cero, propoñen a amortización deses 12 postos para asegurar así a financiación dos 6 novos servizos que se crean e o ‘custe cero’ da reforma (en realidade obterían un superávit de algo máis de 3.000€).

Despois desta intervención a CIG manifesta a súa posición:

  1. Estamos diante dun parche posto que se nos propón a amortización de 12 postos vinculándoo a unha suposta creación de 6 servizos. Cando menos se pode esperar que se leven á mesa, vinculadas, as amortizacións e as creacións. Neste momento se pide as organizacións sindicais que se posicionen en torno a unha amortización a secas.
  2. Dentro desta amortización hai un posto ocupado na actualidade por un interino. Temos que supoñer que a contratación realizada para este posto foi feita con criterios de urxencia e necesidade. Nada ten variado nese centro e nada di a Consellaría sobre cambios na valoración deses criterios.
  3. Tamén se nos propón a amortización dun posto N25 de libre designación. Este posto está ubicado no servizo que en teoría queren reforzar desdobrándoo en dous. Tamén é coñecido por todo San Caetano e a Xunta de Persoal que en torno a el está a darse unha problemática case que rocambolesca entre a Consellaría e a funcionaria que o ocupou con anterioridade. Para colmo, o posto foi ofrecido para a adscrición na páxina da Xunta admitíndose solicitudes entre finais de abril e principios de maio. É dicir, era un posto que necesitaban cubrir e agora é un posto que necesitan amortizar. Temos, xa que logo, razóns para pensar que detrás desta amortización en concreto se esconden razóns alleas ás expostas pola Consellaría.
  4. Dada a presentación da proposta de modificación (só se presentan as amortizacións) só podemos dicir que ven a afondar nas liñas de:
    1. Reducir a dotación dos centros de ensino (sofren catro das amortizacións) e a calidade dos servizos administrativos
    2. Suprimir postos de traballo reducindo a capacidade de contratación da Administración e colaborando activamente na xeración de desemprego no país (eliminan 5 postos de subalternos/as, 3 de auxiliar administrativo/a, un de administrativo/a, dous técnicos e un de inspector/a de recursos educativos complementarios).
  5. Remátase a faena convocando Mesa Xeral de Negociación para o vindeiro luns levando xa na súa orde do día a discusión sobre esta modificación. Isto nos indica que a Consellaría está a converter a negociación nun acto tramital, case que ritual, non que non queda espazo real para a negociación.
  6. Pedimos formalmente a retirada deste punto da Orde do Día da Mesa Xeral convocada para o luns e adiar a negociación ata que se reforme o decreto de estrutura orgánica da Consellaría e se presente unha proposta de modificación na que aparezan as amortizacións e creacións que se pretendan.

As organizacións sindicais convocadas xunto coa CIG (CCOO, UGT e CSIF) interveñen coincidindo coa exposición da CIG e sumándose todas á solicitude de decaemento dese punto na orde do día da Mesa Xeral.

A Administración pretende xustificar a forma de presentar a modificación na suposta necesidade de ter que presentar a financiación dos servizos que se queren crear antes de tramitar a reforma do decreto da súa estrutura. A continuación presentarán unha modificación substancial da Relación de postos de traballo na que aparecerán os novos servizos creados despois das amortizacións. Din que este é o camiño que lles marcan desde Función Pública. Non obstante consultarán a posibilidade de presentar as creacións pretendidas na Mesa Xeral.

Trata tamén sobre a problemática xerada coa funcionaria que ocupaba o posto de inspectora que se quere amortizar e din que pensan que actuaron correctamente en todo momento e que a funcionaria ten á súa disposición as vías legais para a súa defensa. En todo caso desvincula a proposta que fan de amortización do posto desta problemática.

Como se ve non anuncia a retirada do punto do día aínda que parece haber algunha información que iría no sentido de que esa mesa non se celebrará o luns.

Indicámoslle que iso non soluciona o problema. A negociación no ámbito da Consellaría esixiría a presentación dunha proposta de modificación integral sen que iso garantise o apoio a unha proposta que pretende destruír 12 postos para crear 6 servizos de Libre designación e Nivel 28. O problema é que a Consellaría elixiu unha vía que nin sequera permite esa negociación. Mantemos a nosa solicitude de supresión do punto na orde do día da Mesa Xeral.

Descargar a proposta de modificación da RPT presentada pola C. de Educación

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Venres, 12 Abril 2024

Recurso de reposición ao concurso ordinario de traslados de ciencias+enxeñarías+arquitectura

A CIG presentou un recurso de reposición á Resolución que convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de escalas de enxeñarías, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias (administración especial). No recurso solicitamos unha relación das prazas que desapareceron do concurso, con información polo miudo de cada unha delas. Tamén da...
Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...