Todos os medios do operativo do SPDCIF dos Distritos Forestais Lugo-Sarria e Terra Chá, ou sexa as motobombas e os membros das brigadas, son insuficientes para atallar a vaga de lumes que se están a producir na última semana, facendo un promedio de 12 horas diarias de extinción directa. Isto coa colaboración de brigadas e motobombas do resto da provincia.

A situación é aínda máis grave porque a Xunta de Galicia está a despedir ao persoal en plena vaga de lumes. Un exemplo grave disto é que varios condutores de motobomba que se atopaban loitando contra un incendio forestal este sábado día 24 de setembro no Concello do Incio, ás 24:00 horas tiveron que abandonar o traballo porque lles remataba o contrato.

Despois das continuadas chamadas de atención realizadas pola CIG de que a organización da campaña de extinción de incendios forestais foi nefasta e de que se estaba a despedir ao persoal de reforzo do verán antes de que remate o período de alto risco a Consellaría do Medio Rural continúa co desmantelamento, pondo en perigo a nosa riqueza forestal e incluso a integridade física do persoal de extinción.

Outro exemplo do desinterese dos dirixentes políticos da Xunta polo seu persoal foi o acontecido cos membros da brigada do helicóptero con base en Portormarín, que onte domingo 25 de setembro saíron da base ás 9:15 horas e ás 18:00 horas, despois de asistir a numerosos incendios forestais, non recibiran nin unha botella de auga para continuar coa súa labor. Tiveron que intervir os delegados sindicais da CIG para reclamar ao Servizo Provincial de DPCIF de Lugo o que a Administración está obrigada a cumprir: comida e bebida para o persoal cando superan a quenda habitual de traballo. O mesmo está a suceder cos medios de terra: onte, ás 12 da noite tivemos que lembrarlle á Administración que había persoal de extinción loitando contra o lume en Guntín e Palas de Rei fóra do horario e sen comida nin auga.

O abandono dos dirixentes políticos da Xunta de Galicia é de tal magnitude, que non só se despreocupan do noso monte senón tamén do persoal que está ao seu servizo loitando contra as lapas.

Nota de prensa remitida aos medios