Na Comisión de Persoal do 3 de outubro foi aprobado o proxecto de Decreto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e dos seus estatutos, co voto a favor de CCOO, UGT e CSIF e o voto en contra da CIG por non recoller o fundamental das nosas alegacións. Nestas alegacións se facía fincapé no esaxerado proceso privatizador dos servizos informáticos da Xunta de Galicia e na falta de control sobre o persoal directivo e a súas remuneracións.

A CIG demandou tamén, con ocasión da discusión deste proxecto, a creación dun órgano colexiado que supervisara todos os contratos que se celebren desde a axencia co fin de evitar a contratación en fraude de lei, algo que a Administración desatendeu completamente.

Basta botarlle un ollo á memoria económica que achega a consellaría de Facenda para ver o desequilibrio existente entre os custos de persoal e os diferentes servizos externos que se financian baixo o eufemístico capítulo de “inversións”. Cómpre facer fincapé en que en materia de modernización tecnolóxica o peso específico das “inversións” son recursos humanos subcontratados. Mentres o persoal propio ten un orzamento para este ano de pouco máis de 3.000.000 €, a xestión dos servizos públicos por parte de empresas privadas vai ter un custo de 34.000.000 €.

Desde a CIG-Autonómica denunciamos a esaxerada carreira privatizadora dos servizos públicos e o desmantelamento da Administración Autonómica que supón a continúa creación de entes e axencias no marco lexislativo da Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Baixo unha falsa austeridade recórtase en persoal propio, mentres se poñen en mans privadas os servizos públicos a un sobrecusto máis que evidente.

Nota remitida aos medios