Postos que non saen a convocatoria pública e comisións de servizo que duran máis do tempo permitido. Consecuencia: despois de levar anos esperando por un concurso, atopámonos con que non saen todos os postos que deberían. A dificultade de garantir o cumprimento da normativa se atopa nunha aplicación de seguimento de comisións de servizo defectuosa e que o único xeito de controlar o estado dos diferentes postos é o testemuño das compañeiras e compañeiros.

A norma é clara: deben convocarse no vindeiro concurso todos os postos cuxa cobertura sexa necesaria, entendéndose como tal que estean ocupados en comisión de servizo ou por persoal interino. A miúdo aparecen misteriosas excepcións. No tema das comisións de servizo a normativa non é moi esixente, pero sí o é nos prazos: 6 meses como moito nos postos de LD e 1+1 ano no caso dos de concurso. O realmente difícil é chegar ao control do cumprimento desta normativa.

As comisións de servizo

Actualmente as organizacións sindicais temos unha ferramenta electrónica de consulta das diferentes comisións de servizo por data de pedimento á Función Pública. Desde esa data ata a concesión final poden pasar desde 4 días ata 2 meses ou máis. Porén, non existe o campo de tempo de duración, número de renovacións e tempo acumulado total. Tampouco funcionan os filtros para seleccionar as comisións por localidade, nivel ou consellaría. E desde logo, tampouco se poden imprimir ou exportar listados en arquivos aparte.

A CIG-Autonómica solicitou reiteradamente a mellora desta aplicación. Porén, parece ser que o director xeral de Función Pública non está pola labor da transparencia nin, por suposto, da publicidade do resultado das comisións de servizo. Desta volta, nos só nos insistimos na nosa solicitude presentada por rexistro o 7 de outubro, senón que facemos denuncia pública desta situación.

Postos vacantes ou non vacantes

Outro dos grandes misterios á hora de abordar un concurso é o estado dos postos. Desde vai anos, desapareceu das RPTs a súa cualificación de vacante / non vacante. En teoría se ía fornecer ás organizacións sindicais dunha ferramenta alternativa para poder ter acceso á situación de cada posto. Pasado o tempo sen que cambiase nada, a CIG-Autonómica solicita a posta a disposición dunha ferramenta para ter acceso á consulta do estado das prazas que figuran nas diferentes RPTs. E de xeito transitorio, a resposta ás múltiples solicitudes por escrito que levamos presentado.

Soan ecos desde fai tempo de vindeiros concursos de traslados (corpos especiais primeiro e xerais despois). En primeiro lugar, demandamos que as ditas convocatorias se realicen coa axilidade que marca a lei. En segundo lugar, solicitamos que antes de que se oferten o listado de postos dispoñibles, estean solucionados estes dous aspectos que hoxe denunciamos. Só deste xeito se garantirá o exercicio do dereito de mobilidade en igualdade de condicións para todo o persoal funcionario.