Novas por contido

Aspectos máis destacados do Anteproxecto da Lei de orzamentos 2012 nos gastos de persoal:

  • Retribucións conxeladas. consolídase o recorte pero permanecen os 200 pluses dos altos cargos, o plus dos xefes territoriais, os case 8 millóns de euros en asesores, o persoal directivo con retribucións escandalosas ao amparo da LOFAXGA, a contratación de asistencias técnicas que acaben en indefinición sen custarlle un só € á persoa que meta aos seus familiares e amigos...

  • A OEP será mínima ao manterse por segundo ano consecutivo a taxa de reposición do 10%. Non así para os chiringuitos que poderán convocar sen restricións prazas de persoal propio.

  • Limítanse os chamamentos das listas pero non as asistencias técnicas.

A Xunta vén de presentarnos nunha Mesa Xeral Extraordinaria o anteproxecto de Lei de orzamentos do 2012 acoutado ao Capítulo I. De seguir adiante con este anteproxecto o escenario que se nos presenta no 2012 será o seguinte:

  • Conxelación salarial nos orzamentos: as retribucións dos empregados públicos fíxanse na mesma contía que no 2011. Estamos ante uns orzamentos que consolidan a rebaixa salarial do ano 2010 e que supoñen unha perda real de poder adquisitivo ao situarse a taxa de variación interanual do IPC galego en 3,4% xa no mes de setembro. Isto acumulado á suba do IPC do 2010 e 2011 xunto co recorte do primeiro ano e a conxelación do 2011 vai supor unha perda de ao redor do 15% do poder adquisitivo.

  • Reiteración da suspensión unilateral por parte do Goberno autonómico de todos os acordos, convenios e pactos asinados que supoñan incrementos retributivos.

  • Taxa de reposición de efectivos segue a ser do 10%. Isto supón a práctica desaparición da Oferta de Emprego Público, eliminando as posibilidades de promoción profesional dos empregados públicos e colapsando progresivamente o funcionamento da Administración autonómica por falta de persoal.

  • Non se prohibe a convocatoria de prazas de persoal laboral propio dos chiringuitos, limitándose a norma a esixir unha simple autorización de Función Pública e Orzamentos.

  • Continúan as restricións aos chamamentos de persoal funcionario interino e/ou laboral temporal reduciranse en todos os ámbitos da Administración autonómica. Queda exceptuado o persoal laboral e funcionario da Administración xeral de centros de ensino da Consellaría de Educación, Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, centros e residencias de servizos sociais da Consellaría de Traballo e Benestar, centros asistenciais do SERGAS, Xustiza e emerxencias, sempre e cando se considere a necesidade como urxente e inaprazable.

  • Consolídase o recurso ás acumulacións de tarefas e á contratación de persoal laboral de carácter temporal para a realización de obras e servizos polo capítulo de investimentos como xeito de contratar ao persoal en vez de apostar pola creación de postos de traballo de carácter estrutural.

  • Recóllese a modificación introducida nos orzamentos do 2011 polo que o persoal indefinido por sentenza en vez de xerar prazas vai ser recolocado en prazas vacantes xa existentes, co cal se prexudica aos persoal funcionario interino e persoal laboral temporal das listas de substitucións.

  • Non se contemplan responsabilidades penais nin disciplinarias na lei para os responsables de contratacións irregulares que acaben en indefinición, simplemente “poderá” dar lugar a responsabilidades relativas á indemnización á Facenda Pública.

  • Séguese a tratar con criterios escurantistas as retribucións do persoal de alta dirección non sometido á negociación colectiva, especialmente o das entidades da Administración paralela, das cales non se vai dar información á ningún órgano onde estea representada a parte social. Pola prensa chegamos a coñecer como xerentes de hospitais gañan máis de 120.000 euros, igual que o director do IGAPE. As retribucións deste directivos deben estar reguladas nos orzamentos igual que o resto dos altos cargos da Xunta e deben gozar de absoluta transparencia.


En definitiva, uns orzamentos restritivos que apostan pola conxelación nos salarios e pola destrución de emprego (e por tanto de servizos públicos), mentres consolidan privilexios do persoal directivo e dos altos cargos.

Un orzamentos elaborados a partir da renuncia aos ingresos que poderían derivarse do imposto do patrimonio e da consolidación da dilapidación no relativo ao gasto en asesores, recurso a asistencias técnicas, prebendas a altos cargos e persoal de alta dirección dos entes, etc.

Fronte a isto a CIG-Autonómica aposta por unhas retribucións xustas que acompañen a suba do IPC nunha perspectiva de recuperación do poder adquisitivo e pola defensa dos servizos públicos.

  • Borrador do título II (gastos de persoal) do anteproxecto da Lei de Orzamentos: Descargar

Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.