Dende a CIG-Autonómica consideramos que a última desfachatez do Delegado Territorial da Xunta en Ourense é a gota que colma un vaso que xa estaba cheo de desplantes á nosa provincia, aos traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza e aos Servizos Públicos que en teoría xestiona.

O episodio berlanguiano que protagonizou Rogelio Martínez o martes pasado, ao acudir a presenciar un partido de fútbol en Madrid no canto de estar a dirixir e coordinar os esforzos do persoal de loita contra incendios non merece outra cousa que o cese fulminante. Mentres toda unha provincia ardía el estábase a divertir nun partido. Na crise máis grave que tivo esta provincia en todo o seu mandato, Rogelio foi a pasalo ben no fútbol mentres miles de ourensáns vían arder os seus montes, perigar as súas vivendas, campos...  incluso as súas propias vidas. Ademais permitiuse o luxo de dicir que ás oito da tarde xa non ten que facer nada en Ourense. Acaso ten o don o teletransporte? A que hora abandonou a provincia?


Dende a CIG-Autonómica queremos facer un exercicio de memoria lembrándolle á cidadanía que os delegados territoriais da Xunta cobran máis de 55.000 euros ao ano porque os seus postos, segundo a Xunta, “conlevan unha especial dificultade técnica, dedicación e responsabilidade”. U-la a responsabilidade? U-la dedicación?

Mentres Feijoo no canto de poñer freo inmediato a Rogelio Martínez limítase a dicir que “el non tería ido a ningún partido de fútbol ese día”. Claro que non, estaba na Arxentina e  non sabemos se estaba de parranda, bailando tangos ou enchendo os petos de votos. Dende a CIG lembrámoslle ao Presidente da Xunta que el é o superior do Delegado Territorial de Ourense e ten competencias plenas para cesalo. Non vale o de facer crer a cidadanía que isto non vai con el. Polo menos sabemos que nestes anos algo cambiou na Xunta de Galicia: gusta máis o fútbol que a caza.

Por todo isto, dende a CIG-Autonómica esiximos o cese inmediato do Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez e non pedimos a súa demisión porque consideramos que quen ten a desfachatez e a desvergonza de facer o que fixo non vai a ter a dignidade suficiente como para dimitir.