Desde o borrador de agosto caeron do proxecto da Axencia Galega de Innovación moitas cousas que a Consellaría de Economía e Industria consideraba imprescindibles como mover á metade do persoal para outras unidades ou poder contratar persoal propio cun elevado coñecemento de inglés. Porén persiste o mesmo ninguneo dos empregados públicos que prestan os seus servizos na Dirección Xeral de I+D+i.

Neste novo borrador mantéñense certos aspectos escuros como son o traslado discrecional de persoal e medios a Educación, a insistencia en que figure no texto o mantemento sine die dunha encomenda de xestión que lastra o emprego público ou a situación transitoria do persoal até a futura aprobación da RPT da nova axencia. Por outra banda, neste proxecto de estatuto preténdese regular o que está fóra da súa competencia: un Código Ético e de Conduca propio ou o exercicio da potestade sancionadora sobre o persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia.

E por suposto, tampouco se tomou nota da nosa proposta de comisión de control onde estea representada a parte social e que tería como obxecto a vixilancia e informe de cesións ilegais de traballadores e contratos en fraude de lei. Non é de recibo que mediante contratos de obra e servizo con empresas ou entidades externas se estea levando a cabo traballo estrutural  propio de empregados públicos.

Descarga as alegacións ao borrador de outubro