Na "Voz de La Xunta de Galicia" aparece publicado estes día un titular que é un engano manifesto: "UN PLAN PARA MAIORES". Nesta ocasión o engano prodúcese sobre "marabillosa" política social coas persoas maiores do Departamento que dirixe Beatriz Mato. Basta ler toda a noticia para chegar á conclusión de que non existe ningún plan senón simplemente un estudo que é disimulado co eufemismo de "mapa de necesidades".

O verdadeiro mapa da Consellaría de Traballo pódese observar na sangría de amortizacións de prazas de emprego público que se encargan dos servizos sociais e as continuas privatizacións destes en empresas "confianza". A mesma confianza que teñen nos seu voceiro oficial e nas empresas que fan tamén estes "plans" para maiores.

Desde a CIG-Autonómica denunciamos que o auténtico plan para maiores radica en privatizar salvaxemente os servizos públicos, abaratando custos e aumentando os beneficios das empresas concesionarias, o que repercute na perda de calidade. Desde a CIG-Autonómica demandámoslle á consellaría que se adique a traballar polos servizos públicos e deixe de vender fume e xogar cos nosos maiores.

NOTA: No DOG do 18 de outubro aparece a publicidade dos convenios de Traballo e Benestar no 2º trimestre do 2011 e La Voz de Galicia foi premiada con 140.000€. Máis claro, auga.