É de sobra coñecido que o aparcadoiro para os traballadores de San Caetano quédase pequeno e se teñen que ocupar as prazas públicas, moitas veces entrando en disputa cos veciños da zona.

Porén, hai xente que non ten eses problemas pois conta con tarxetas especiais que lle permiten facer uso do garaxe interior do edificio administrativo ou das súas inmediacións: altos cargos, coches oficiais, prensa... pero agora tamén de coches oficiosos.

Non é moi habitual atoparse un Saab 9-3 Cabrio (valorado en 50.000€) aparcado nos exteriores do edificio de Educación. Xa que logo, achegámonos e atopamos no parabrisas unha tarxeta de acceso laranxa que pon "PARTIDO POPULAR". Cómpre recordar que: 1) estas tarxetas están reservadas para coches oficiais de organismos autónomos e outros  entes administrativos propios, non para partidos políticos e 2) os grupos parlamentares como tales non teñen un "acceso especial".

Como desde a CIG somos partidarios do trato igualitario, animámoste a que solicites a súa tarxeta para aparcar dentro de San Caetano. Non deixes pasar a ocasión, a CIG xa o fixo, envía un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e que che expliquen porque ti non podes aparcar no garaxe interior.

Descarga o modelo de solicitude