A mesma dilixencia que demostra a Administración para crear novos entes podía tela para convocar os concursos

O mércores a Administración remitiunos unha convocatoria de Mesa Xeral coas 48 h xustas que marca a lei para tratar temas tan densos e de tanta importancia como: a creación de tres novos entes (Axencia Galega de Innovación, o Instituto de Estudos do Territorio e Augas de Galicia) e o Decreto de Integración de persoal laboral fixo de entes instrumentais (mal chamado Decreto marco). O xoves a media mañá esta convocatoria suspendeuse.


Levamos tempo advertindo á Administración que era necesario que fixara as convocatorias cun prazo suficiente, en base á bo fé negocial, para permitir una análise seria do que nos está poñendo en riba da mesa e unha adecuada toma de decisións dentro dos órganos sindicais. Semellaba que non nos ía facer caso pero un día despois se botou para atrás. Parece ser que o tirón recibido nas orellas de Industria e Augas de Galicia lle fixo dar marcha atrás.

Augas de Galicia e Industria non se lle ocorre outra feliz idea que convocar unha xuntanza previa o día antes da Mesa Xeral exactamente coa mesma documentación, con 24h e 48h de antelación,  que evidenciaba que xa estaba todo o peixe vendido.

No caso de Augas de Galicia, a convocatoria se fixo de un día para outro. A CIG puxo en coñecemento do ente que, de manterse a convocatoria, entenderíamos que existe unha evidente mala fé. Por outra banda, aínda que a hora pode establecela o órgano convocante de xeito discrecional, marcar unha xuntanza ás 14h. é outra proba de que non hai vontade de negociar.

No caso de Industria si que se acolleron ao mínimo legal, máis o feito de facer a reunión o día antes da Mesa Xeral, evidenciaba outro paripé de cortesía. Neste caso a CIG decidiu non asistir como protesta aos oídos xordos da consellaría ao continuo requirimento de documentación e informes deste proxecto e doutros movementos colaterais. A cortesía poden comezar a demostrala facilitándonos a información que lle pedimos.

Desde a CIG-Autonómica denunciamos que cos prazos e horarios que marca habitualmente a Administración nas xuntanzas de negociación, o que pretende é simplemente pasar un trámite e que non hai unha vontade real de negociar. Alén diso,  resulta imposible facer un estudo serio das propostas, trasmitilas aos traballadores e formar unha correcta postura sindical sobre a materia en cuestión.