A CIG-Autonómica leva pedido a Función Pública información sobre un longo listado de prazas, algunha das cales nos constan (grazas ás achegas de compañeiras e compañeiros) que están cubertas de xeito irregular. Neste sentido mantivemos nunha xuntanza informal coa subdirectora xeral de Xestión, Programación e Ordenación do Persoal.

Na petición de acceso á información do estado das prazas das RPTs comentounos as dificultades técnicas que mesmo veñen tendo eles para cotexar as RPTs co programa de acceso aos expedientes do persoal (que é onde consta o sitio e como está cada traballador público). Porén, insistímolles en si, a pesar desas dificultades técnicas (para as que prestamos tamén a nosa axuda), existía vontade política. Neste senso, quedou de comentalo co director xeral.

Desde a CIG-Autonómica insistimos en que para velar polo cumprimento normativo e os dereitos das traballadoras e traballadores públicos é necesario ter acceso a esta información. Tamén insistimos en que resulta máis eficiente ter acceso a esta información vía telemática para non saturar os servizos desta dirección xeral con pedimento de información que poderíamos consultar directamente. De non ser así, resulta imposible controlar o agochamento de prazas nun concurso ou nun proceso selectivo. Xa que logo, e mentres non nos faciliten un acceso telemático, coma temos no caso das comisións de servizo, seguiremos pedindo información á vella usanza.