Despois de todo un ano insistíndolle a Función Pública, logramos un mínimo de transparencia nos datos que nos facilitan das concesións das comisións de servizo. Aínda así, non existe o campo de tempo de duración, número de renovacións e tempo acumulado total.

Actualmente as organizacións sindicais temos unha aplicación telemática de consulta das diferentes comisións de servizo por data de concesión. Esta aplicación vén a substituír a obriga legal da Administración de facilitarlle á representación dos traballadores públicos esta información. O problema atopábase en que durante un ano a aplicación estivo funcionando de xeito deficiente: non coñecíamos a data de concesión, os filtros non funcionaban, non podíamos exportar os datos...

Actualmente pódese filtrar por data de concesión, consellaría, localidade e nivel e tamén exportar a un arquivo externo. Despois dunha charla informal co servizo responsable conseguimos tamén unha mellorara á hora de pedir información adicional sobre determinados expedientes.

En calquera caso, o verdadeiro problema das comisións de servizo non é a publicidade da concesión senón a terrible arbitrariedade na súa adxudicación e a ausencia regular de concursos de traslados. Isto último o levamos denunciando desde a CIG-Autonómica de xeito continuo nos nosos boletíns, demandando concursos anuais e unha concesión de comisións por criterios obxectivos. Por suposto, isto tivo nula resposta pero nós somos moi insistentes.