Dentro da denuncia do apalancamento de postos coas comisións de servizo foron soadas dúas subdireccións polos anos que levaban; unha delas, por certo, resistiuse bastante en abandonar o posto ocupado de xeito irregular. Función Pública insiste en que hai 4 ou 5 casos por aí que están intentando arranxar; tempo lles leva tendo en conta os anos que pasaron.

A última que detectamos é a subdirección xeral de Investigación, Cambio Climático e Información Ambiental. Polas denuncias que nos chegaron, esta praza leva desde o 2006 ocupada en comisión de servizo. Alén diso, desde que temos acceso á ferramenta de comisións de servizo, xa é a segunda prórroga que se lle fai neste ano.

Cómpre recordar que as actuais resolucións que esta emitindo Función Pública son irregulares, por contravir o disposto na súa propia normativa (punto SEGUNDO da Resolución do 27/03/2006, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións sobre a cobertura temporal de postos de traballo mediante comisión de servizos)

En todo caso, non se entende que se unha persoa é valida para ocupar ese posto durante anos en comisión de servizo, non o sexa tamén para cubrila en libre designación. Máxime tendo en conta a modificación da Lei de Función Pública de Galiza no seu artigo 66.

Desde a CIG-Autonómica recordámoslle mediante escrito dirixido a Función Pública que é a súa obriga vixiar e cumprir coa normativa e legalidade vixente. Non se pode consentir ese silencio cómplice ante o incumprimento reiterado da normativa por parte dalgunhas consellerías. Como tampouco se pode consentir que se faga a vista gorda ante outras situacións verdadeiramente sangrantes que continuaremos denunciando e que contribúen ao apalacamento de postos, nestes casos,  a cubrir por concurso.