Na xuntanza mantida coa consellaría pola proposta de modificación parcial da súa RPT, a CIG fixo as seguintes alegacións:

  • Non estamos de acordo con que se amorticen dous postos base C2 para crear un de enquisador/a.

  • Tampouco podemos consentir que se abran prazas a outras administracións sen acordo recíproco, sen que sexan postos base e sen ter xeito de saber se superan o 5% asignado no acordo do total de RPTs da Xunta; Función Pública nunca nos facilita estes datos.

  • Solicitamos a memoria orzamentaria e a memoria funcional.

Por parte do Servizo de Persoal do IGE:

  • Entréganos a memoria económica e a RPT actual.

  • Xustificanse as amortizacións e a apertura a outras administracións porque están vacantes esas tres prazas, segundo eles imposibles de cubrir. Quedaron en que non enviaran resolucións onde saíron a concurso e non se cubriron tampouco por novo ingreso.

  • Teñen asinado un acordo de reciprocidade co Estado para os concursos de traslados do persoal enquisador.

Xustificación de abrir a praza de estatístico/a a outras administracións

Con relación á documentación xustificativa achegada con posterioridade preguntámonos que ten que ver a presidenta do tribunal con que a praza se abra ou non a estatísticos doutras administracións. A presidenta do tribunal terá que ver na selección dos aspirantes pero non en que as RPTs se abran ou pechen ao persoal doutras administracións.

Por outro lado, non se pode nomear persoal interino pero si traer persoal doutras administracións. Parece que o persoal de fóra lle saíra gratis á Xunta. O lóxico é que si unha praza queda sen cubrir, por ese 7% da quenda de persoas discapacitadas, e a súa cobertura é necesaria, esta se faga cunha persoa das listas. Listas que son, precisamente, o resultado desas probas selectivas.