A vontade política da transparencia sobre o estado vacante/non vacante das prazas dilúese no silencio perpetuo do director xeral da Función Pública.

Levamos tempo solicitando información sobre unha longa listaxe de prazas que a subdirección correspondente fixo en tempo e forma. Alén disto, solicitamos tamén unha ferramenta que permitise flexibilizar esa consulta mediante unha acceso informático e inmediato. Porén, o director xeral de Función Pública parece que non esta pola labor nin dunha cousa nin da outra.

Noutra xuntanza informal mantida coa subdirectora xeral de Xestión, Programación e Ordenación do Persoal asegurounos que o persoal informático lle comunica que ese acceso non será sinxelo de levar a cabo. Porén, nós insistímoslle se o director xeral manifestou o seu visto bo para que, aínda coas dificultades técnicas, demostrar o seu interese en facer transparente a xestión das prazas de empregado público. De novo nos dixo que llo volvería a preguntar e, despois de varias semanas, de novo estamos sen resposta.

Para empeorar as cousas, a información que solicitábamos á dita subdirección sobre a situación de varias prazas está feita. Porén, leva varias semanas retida polo director xeral. E non sería polas veces que lle termos requirido que se "acorde" de entregárnola.

Con todo este panorama, e despois de ser bastante pacientes, desde a CIG-Autonómica denunciamos publicamente a nula vontade política así como o entorpecemento deliberado do actual director xeral de Función Pública ao coñecemento da situación de cobertura das prazas das RPTs. Consideramos que esta actitude prexudica os intereses do colectivo das empregadas e empregados públicos e tomaremos as medidas necesarias para solucionar esta situación.