Pódese empezar polo final da xuntanza, a directora de RRHH do Sergas deixou caer "no sé de que os quejais, que en la empresa privada hay bastantes menos derechos". Hai frases que xa o din todo.

Non nos é posible tranquilizar completamente ao persoal afectado por estas modificacións coa información que temos xa que a Administración concreta moi poucas cousas. Hai moitas vaguidades e iso é o que non lle gusta á CIG; a Administración ten que concretar máis os prazos, as competencias e a onde van ser trasladados estas compañeiras e compañeiros afectados.

O importante é que non vai haber traslados a outras localidades; serían voluntarios. Dentro das localidades si haberá cambios de localización pero non o teñen concretado e dependerá dunha cuestión puramente organizativa (por ex. entre o centro de Durán Loriga e o CHUAC da Coruña). Nomeadamente pasarán ao Sergas Recursos Económicos, Recursos Humanos e a Xestión de Prestacións. A Inspección Sanitaria manterase na Consellería.

Na Coruña e Ourense están xa creadas as Áreas de de Xestión Integradas e por iso o 1 de xaneiro xa será efectiva nesas provincias a desaparición das Direccións Provinciais. En Lugo aínda non está creada e en Pontevedra agardarase á creación da área de Vigo.

Desde a CIG-Autonómica demandámoslle información máis concreta e respecto aos dereitos das empregadas e empregados públicos. Primeiro aprobarán a RPT da Consellería de Sanidade e Sergas, antes do 1 de xaneiro, e despois modificarana en función destas áreas sanitarias.