Novas por contido

O mércores 30 de novembro discutimos na Mesa Xeral de Empregados Públicos unha modificación da relación de postos de traballo do Instituto Galego de Consumo, así como os decretos de creación e estatutos de dous novos entes: o Instituto de Estudos do Territorio (IET) e Augas de Galiza (con nova forma xurídica).

Instituto de Estudos do Territorio

O IET nace como organismo autónomo, con persoal funcionario e laboral transferido da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe que manterán o seu actual vínculo xurídico con Función Pública. Para eles, reclamamos máis seguridade coa inclusión explícita de que seguirá a ser persoal funcionario ou laboral da Xunta, non do ente.

Tamén adscriben ao novo ente parte do persoal da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza (SODECO) e do Banco de Terras (outros irán para a futura AGADER), quedando pendente o seu vínculo xurídico do futuro decreto marco de integración, inda que o actual texto xa nos indica cal vai ser o camiño.

Cremos fundamental o rescate dos servizos públicos que se prestan dende fora da Administración Xeral e finiquitar os chiringuitos, polo que a forma de "organismo autónomo" non a rexeitamos. Non queremos que coa desculpa da adscrición do persoal dos entes haxa perda de postos de traballo, polo que reclamamos ampliar as competencias da comisión paritaria de valoración que vai actuar sobre a futura relación de postos de traballo.

Reclamamos a creación dun órgano paritario, inda que so sexa consultivo, para informar sobre os contratos de asistencias técnicas que se vaian producir, pois estamos fartos de trapalladas e sentenzas xudiciais.

Os demais sindicatos centran a súa intervención na conveniencia de que primeiro se aprobe o futuro decreto marco de integración.

Augas de Galiza

Neste caso o cambio é a pior. Refunden nun único ente o actual organismo autónomo Augas de Galiza coa Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH), pero dandolle forma xurídica de empresa pública, polo que esto supón unha nova fuxida da Administración Xeral.

O actual persoal de Augas de Galiza non vai perder o seu vínculo xurídico con Función Pública, e do que ven da EPOSH, está por ver o que di o futuro decreto marco de integración, inda que xa o podemos deducir do decreto e estatutos que nos presentan.

O que nos chama a atención neste caso é que crean un Complemento Persoal Transitorio (CPT) para o persoal que veña transferido da actual EPOSH, o que supón unha garantía de que as súas retribucións non van minguar.

Fixemos memoria das veces en que Función Pública negou a posibilidade da de crear un CPT noutras situacións, e alucinamos de que agora si garantan as retribucións. Sendo mal pensados, e sabendo que o actual presidente de Augas de Galiza é persoal da EPOSH, a cabeza vaisenos a que o presidente actual de Augas quere garantir as suas propias retribucións no novo ente.

Reclamamos a Función Pública que de manter a intención da consellaría en garantir as retribucións, que o fagan en sentido contrario, equiparando as retribucións do persoal funcionario e laboral da Xunta co persoal dos extintos entes.

O Director Xeral de Función Pública asegurounos que este tema o están a ver na asesoría xurídica, e que nos dará unha resposta o venres, indicando que o que se acorde irá recollido no futuro decreto marco de integración, extensíbel á totalidade de novos entes.

Novamente reclamamos a creación dun órgano paritario, inda que so sexa de consulta, para informar sobre os contratos de asistencias técnicas que se vaian producir, pois estamos fartos de trapalladas e sentenzas xudiciais.

Relación de Postos de Traballo do Instituto Galego de Consumo

Preséntannos unha modificación parcial deste organismo, que en grandes liñas resumimos en:

  • Pechan todas as prazas da RPT para ser cubertas exclusivamente por persoal da Administración da Xunta de Galiza, co que estamos conformes.

  • Como non podía ser doutro xeito (advertimos que iriamos ao xulgado), bótanse atrás na súa intención de crear un complemento de singularidade a unha plaza concreta ocupada.

  • Defendimos sen éxito que o posto da sección de habilitación non debe ser de libre designación.

  • Denunciamos que a maior parte do traballo da Escola Galega de Consumo o están a delegar en asistencias técnicas, e nos opuxemos, tamén sen éxito, á supresión da praza non vacante por concurso asociada a esta unidade administrativa para crear un posto de libre designación e maior nivel (para esto non hai austeridade).

  • Seguen a xustificar o mantemento de requisitos imprescindíbeis de licenciatura en dereito para determinados postos.

  • Denunciamos que non é de recibo modificar unha RPT para satisfacer intereses persoais de localidade como sospeitamos que ocorre en postos de inspección e subinspección.

  • E rematamos coa nosa crítica á infradotación dos servizos periféricos, en especial Lugo e Ourense.

Rematando

O venres van á Comisión de Persoal (derradeiro órgano con representación sindical), estes asuntos, polo que en poucos días estará publicado no DOG.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...