A CIG solicita a retirada da orde do día da Mesa Xeral pola ausencia de negociación previa e falta de información do custo económico. A consellaría fai como quen non escoita e tira para adiante.

Con data 15 de xuño de 2011 a CIG presentou unha serie de preguntas dirixidas á Consellaría de Sanidade sobre persoas que realizan funcións cualificadas na consellaría e no Sergas e que non accederon aos postos que ocupan por ningún dos sistemas de provisión previstos. Solicitamos relación do persoal estatutario que traballa nos Servizos Centrais da consellaría e o Sergas mediante orde de servizo

Con anterioridade ao 15 de xullo, xa lle indicaramos á directora de Recursos Humanos do Sergas que non é posíbel negociar ningunha RPT sen coñecer os recursos humanos reais do organismo. A directora accedeu a elaborar o informe solicitado nun prazo breve e a día de hoxe aínda non nos foi enviado.

Polo tanto, consideramos un fraude o intento de facer pasar por negociación de RPT o que non é máis que un papelame inconsistente, falto de rigor e de veracidade.

Pero hai outro motivo máis polo que a CIG solicitou a retirada do punto segundo da orde do día da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos do 7 de decembro de 2011. Con esta proposta de modificación preténdese “branquear” unha RPT que xa leva moitos meses en vigor sen ter pasado por ningunha mesa de negociación. Coa nota “Creado no expediente decreto estrutura 310/2009 e 311/2009" preténdese colar unha modificación moi substancial da Consellaría de Sanidade e do Sergas, sen nin tan siquera informar do custo desta modificación.

Créanse (formalmente, porque efectivamente xa están en funcionamento) 5 Subdireccións Xerais e 25 Xefaturas de Servizo “con dotación orzamentaria no presente exercicio” e amortízanse 3 Subdireccións Xerais, 14 Xefaturas de Servizo, 5 farmacéuticos inspectores, 1 xestor sanitario e 1 letrado “sen dotación orzamentaria no presente exercicio”.

Cal é o custo destas modificacións ? Cren que se pode aprobar unha modificación deste calado moito tempo despois de que xa sexa efectiva e sen informar do custo? A CIG considera que non.

En calquera caso presentamos as seguintes alegacións á última proposta:

1- Xa informamos nas reunións previas coa Directora de Recursos Humanos do Sergas que non nos parece sensato realizar unha modificación da RPT a estas alturas que non inclúa os cambios previstos pola desaparición das Direccións Provinciais do Sergas, que segundo información da propia Directora Xeral serán efectivos nas provincias da Coruña e Ourense o 1 de xaneiro. Supoñemos que é o mesmo xeito de abordar a xestión dos recursos humanos que os citados nos dous apartados introdutorios: facer o que lles pareza sen dar explicacións nin seguir os procedementos.

2- Abundando no anterior seguimos a agardar pola proposta de modificación da estrutura dos laboratorios de saúde pública anunciada pola Consellaría e que quedaran en presentar no mes de setembro, e que naturalmente tamén terá repercursión na RPT.

3- Non nos estraña que a consellaría non atenda as nosas peticións cando non lle facía caso ao informe de Función Pública nas dúas “consideracións” que lle fai: “non procede” que os postos de subinspectores sanitarios (nivel 22) sexan de LD e a “experiencia en análise e deseño de sistemas de información clínica para centros asistenciais” para as seccións de informática deben ser mérito e non requisito indispensábel como propón a Consellaría. Parece ser que finalmente entrará polo aro do informe.

4- Igualmente o requisito de licenciatura en dereito para os Servizos de Xestión é innecesario e debe desaparecer.

5- A xustificación para a asignación do complemento específico diferencial para postos de persoal subalterno pola “realización habitual de tarefas de condución de vehículos” é axeitada non só para postos de Servizos Centrais, xa que nos periféricos tamén realizan funcións de condución de vehículos este persoal. En concreto os postos con códigos: SA.C99.10.000.27001.024 e SA.C99.10.000.27001.025 da Xefatura Territorial de Lugo realizan funcións de condución de vehículos, polo que se lles deben asignar os complementos específicos diferenciais.

6- A Sección de Xestión de Recursos Humanos I (código SA.S99.10.004.27001.005) é necesaria pola carga de traballo existente, polo que non se debe amortizar.

7- É imprescindíbel que se faga extensivo a todo o persoal dos laboratorios de saúde pública a incorporación do complemento de singularidade por perigosidade e toxicidade pois todo o persoal dos mesmos está exposto aos mesmos perigos e produtos tóxicos. E isto está avalado por numerosas sentenzas e polas avaliacións de riscos.

8- Consideramos cando menos curiosa a interpretación realizada na proposta de amortización dos postos de auxiliares sanitarios, na que a observación “a reconverter cando sexa vacante” serve de xustificación para amortizalas. Desde o noso punto de vista reconversión e amortización non son sinónimos.