Novas por contido

Aló polo mes de marzo a Administración xuntounos para comentarnos as marabillas da nova tarxeta do empregado público; entre elas atopábase a posibilidade de implantar a flexibilización da xornada laboral e o teletraballo. Tamén se nos adiantou que en outono habería un Decreto de permisos, vacacións e licenzas que acabaría cos reinos de taifas que existen na actualidade nos diferentes centros á hora de aplicar distintos criterios na súa concesión.

De momento estes temas atópanse esperando por dous decretos que os saquen do limbo. Xa que logo, cómpre que se abran sendos procesos negociadores para non continuar co menoscabo dos nosos dereitos. Así llo fixemos chegar ao director xeral de Función Pública por escrito a semana pasada e esta semana ficamos convocados a unha xuntanza na que agardamos que se toque a negociación destes decretos.

Decreto de xornada de traballo, flexibilización e teletraballo

No escrito presentado perante Función Pública insistimos en que, desde a xuntanza de marzo, non houbo outras para manternos informados dos seus avances, incidencias, criterios de flexibilidade, etc. Tivemos xa moitas queixas por parte de traballadoras e traballadores da Xunta de Galicia que queremos transmitir co obxecto de darlles solución. Tamén demandamos unha flexibilización universal da xornada laboral como noutras administracións públicas nas que existe unha parte do horario de obrigada presenza e outra que se pode flexibilizar dentro do máis amplo posible horario de referencia.

Solicitamos que se nos informe da situación actual de implantación do programa Kronos, a normativa de funcionamento e as incidencias detectadas, xa que desde a última xuntanza pasou bastante tempo e se produciron importantes cambios. Por outra banda, informóusenos de que tamén entrarían en vigor os novos criterios de flexibilidade horaria. Consideramos, xa que logo, que urxe que se abra o proceso de negociación do Decreto de xornada horaria, flexibilidade e teletraballo co obxecto de dar sustento normativo aos ditos criterios.

Decreto de permisos, vacacións e licenzas

No mesmo escrito insistímoslle ao director xeral que nos comunicara que en outubro estaría vixente xa o novo Decreto de permisos, vacacións e licenzas que se negociaría durante o verán. Actualmente non temos nin un triste borrador. E día si e día tamén temos exemplos abondo de criterios dispares dos diferentes centros mentres Función Púbica non se mete. A parte disto, son coñecidos tamén os efectos colaterais das "necesidades do servizo" que case nunca aparecen moitvadas.

Solicitamos que se abra dunha vez o proceso de negociación do Decreto de permisos, vacacións e licenzas  co obxecto do conseguir o que esta central sindical leva reivindicando durante moito tempo: a súa interpretación homoxénea para o persoal cunha mesma relación xurídica independentemente do centro no que se traballe.

Nova lei de Función Pública de Galiza

Tamén lle comunicamos ao director xeral que en diversas xuntanzas se nos ten falado dun proxecto de nova Lei de Función Pública e a súa adaptación ao EBEP que “nos remitirán en breve”. Porén, nada sabemos aínda do seu estado de elaboración nin desa "brevidade" na súa remisión.

Solicitamos que se nos precise o estado de elaboración do borrador e a estimación da data de comezo da súa negociación  que, en todo caso, instamos que se realice coa maior brevidade.



Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...