Novas por contido

Ante as afirmacións de Rosell (presidente da CEOE) sobre as recomendacións de "despedir" persoal das Administracións para continuar na "boa liña" da redución do gasto social, a CIG-Autonómica responde: "o doado é tirar contra o persoal das Administracións". A CIG afirma tamén: "parece que non lle chega cos catro millóns e medio de persoas sen emprego".

Joan Rosell, xefe dos empresarios españois, fixo esta semana unhas declaracións pedindo que se poida despedir ao persoal funcionario e propón expedientes de regulación de emprego. Nun Estado no que hai máis de catro millóns de persoas desempregadas, este individuo, portavoz de centos de defraudadores a Facenda e de miles de beneficiarios das políticas de rebaixa impositiva e dos innumerábeis subsidios de Estado, portavoz dalgúns dos poucos miles de millonarios que contribuíron decisivamente á desfeita social que estamos a sufrir, se permite esixir máis despedimentos.

Na cova de ladróns que preside se mira con ansiedade e cobiza para as Administracións. Consideran que a velocidade á que se está a destruír emprego público non é suficientemente rápida e queren acelerar o proceso.

Xa na actualidade estamos a recibir propostas da Administración autonómica galega (e o mesmo se está a producir nas outras Administracións) polas que se “amortizan” centos de postos de traballo públicos vacantes para crear algunhas decenas de postos directivos e de libre designación. O resultado é unha Administración cada vez máis politizada, posta ao servizo do partido que consigue a maioría electoral, e menos capaz de ofrecer servizos á cidadanía. Suprimen miles de postos nas diferentes administracións limitando a capacidade de reposición de efectivos, as incapacitan para desenvolver a súa actividade con normalidade e, inmediatamente, proceden a contratar a empresas privadas cos fondos “liberados”.

Coas estas vellas receitas non só non se vai saír da crise senón que se vai crear unha crise permanente para a maior parte da sociedade.  Basta mirar o que sucede actualmente en Irlanda, o primeiro país da UE en aplicar as receitas anticrise do FMI no 2008 e no 2009 o seu PIB contraíase un 11%.  A consecuencia:  este país volveu a recuperar a súa triste tradición migratoria coma xa non se recordaba tempos atrás.

Empobrecer á clase traballadora, ben directamente con rebaixas salariais e despedimentos, ou ben indirectamnte, coa desestructuración dos servizos públicos, fan que o consumo interno se resinta e polo tanto tamén o propio sistema productivo, maioritariamente do sector autónomo e PEMES, que crean o 80% de postos de traballo no noso país. De xeito miope a cada empresa interésalle pagar menos polos seus custos de producción, mais de xeito global lle interesaría que o resto lle pagase ben aos demáis traballadores e traballadoras para que alguén poida comprar os seus productos.

Porén, Rosell,  portavoz dos mesmos empresarios que apostan decididamente pola maior precariedade laboral, pola rebaixa dos soldos dos traballadores e traballadoras e por abordar os problemas de competitividade das empresas que expolian a diario despedindo ao persoal, defende que ese modelo se estableza tamén no sector público. Os case que catro millóns e medio de parados no Estado (253.416 deles en Galicia, datos de finais de novembro) non lle parecen suficientes a este individuo. Hai que despedir máis agora para contratar, cando se aseguren os beneficios, con salarios inferiores, peores condicións de emprego e sempre en condicións de máxima precariedade.

É ben certo que non existen políticas contra a crise. Existen políticas na crise. E estas poden beneficiar a uns ou a outros axentes sociais. Galiza, gobernada polo equipo máis inoperante da súa historia, está a ver como aumenta a porcentaxe do paro dun xeito alarmante. Se no Estado creceu o desemprego no pasado mes de novembro nun 1,37%, na Galiza creceu nun 4,6%. Feijoo mira con arroubo ao seu xefe Rajoy e ambos os dous se aprestan a asegurar que calquera saída a crise se realice pola vía do sacrificio dos traballadores e traballadoras e do beneficio para os empresarios. Tamén na Galiza que un día os coñeceu como empregados públicos e agora os sufre como unha inmerecida praga. Rosell aplaude e marca rutas.

As traballadoras e traballadores galegos, dos que os empregados públicos formamos unha parte, teremos que marcar a nosa propia ruta. Fronte ao programa capitalista haberá que apoiar un programa que poña a economía sobre os seus pés, ao servizo dos pobos. Se personaxes indesexables coma Rosell apuntan nunha dirección, todos os demais teremos que avanzar na contraria.

Nota remitida a outros medios de comunicación

Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.