Fontes do Goberno central informaron deste inminente nomeamento. A política de paralización das ofertas de emprego, a taxa de reposición cero e a aplicación da conxelación salarial ao conxunto dos empregados e empregadas públicas serán as primeiras medidas que encomendará Mariano Rajoy ao actual director xeral da Función Pública da Xunta de Galiza.

José María Barreiro é letrado da Xunta en excedencia, exerce o seu actual cargo desde a chegada de Feijóo ao goberno autonómico e é coñecido e admirado polo seu talante negociador e a súa capacidade de organización. A paralización constante das OPE´s autonómicas en Galiza e dos concursos de traslados, entre outros aspectos, xunto co seu discurso sumamente ambiguo, o trato directo, dialogante e constante cos sindicatos, especialmente co sindicato maioritario CIG, foi valorado especialmente para proceder ao seu nomeamento. A nula transparencia, unha das cualidades que comparte co presidente do goberno, ademais da súa procedencia galega, será o eixo chave da súa liña de actuación desde o cargo que lle toca ocupar.

Dende a CIG-Autonómica valorouse este nomeamento de xeito moi positivo: “Deixádeo ir, oh!”