Novas por contido

A piques de aprobarse o decreto que integrará ao persoal dos entes instrumentais na Administración Xeral da Xunta.

O xoves 29 de decembro tivo lugar a Mesa Xeral de Empregados Públicos onde sindicatos e administración tratamos o borrador de decreto que regulará o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais, consecuencia da LOFAXGA, lei apoiada polos sindicatos UGT, CCOO e CSIF.

A CIG non comparte os parabéns dos outros sindicatos, por canto que este decreto, lonxe de poñer un punto final ás contratacións de persoal por parte dos entes, deixa a porta aberta a que as sociedades mercantís e fundacións públicas sigan contratando persoal sen control co cal non estamos ante un punto final senón ante unha nova porta de atrás aberta.

O decreto establece que o persoal laboral fixo será integrado como persoal laboral da Xunta. A CIG non está conforme que a regulación disto conste no decreto, senón que debe ser obxecto de negociación nas distintas ordes, xa que temos moi diversos casos:

  • Hai persoal que no seu día aprobou un proceso selectivo como persoal laboral da Xunta e que co tempo remataron integrados en diversos entes, nalgúns casos baixa ameaza. É o caso, por exemplo, do CIXTEC. Non estamos conformes con que perdan a antigüidade do seu ente para concursos de traslados e promocións, ou que puidese darse o caso de que se integren nun grupo inferior ao que accederon no seu día mediante oposicións da Xunta.

  • Hai persoal que entrou directamente nos entes, mediante un proceso selectivo serio cumprindo todos os criterios establecidos.

  • Hai persoal que entrou directamente nos entes sen ningún tipo de control.

Os casos son distintos e merecen distinto tratamento. Non pode ser se estableza o mesmo criterio de antigüidade ou requisito de titulación.

Tampouco estamos conformes con que se poida dar o caso de que persoal laboral temporal da Xunta poida ser despedido para adxudicarlles as prazas ao persoal que se integra. Isto, a maiores dunha inxustiza, sería unha redución importante do emprego público e o decreto deixa a porta aberta a que nas diferentes ordes se poida facer.

O decreto establece que se respetará “preferentemente” a localidade. Existe persoal laboral da Xunta que leva anos tendo que desprazarse a outra localidade, ben porque hai poucas prazas na súa de residencia, ben pola lentitude dos concursos de traslados. Non se pode infrinxir o V Convenio adxudicando prazas sen que previamente pasen por un concurso de traslados.

Outro extremo a comentar é o das retribucións. Resulta que o persoal que ao integrarse pase a percibir retribucións inferiores, terán un beneficio durante seis anos: irán perdendo paulatinamente as súas melloras mediante un complemento transitorio até a súa igualación co resto do persoal laboral da Xunta. Porén, aqueles que ao integrarse pasen a percibir retribucións máis altas por teren salarios inferiores, tamén terán que agardar uns anos. A CIG non está conforme: se os van integrar, que sexa con todas as consecuencias, para o bo e para o malo. Como alternativa, que nos igualen a todos co persoal dos entes que teñan mellores retribucións.

O que si nos satisface, aínda que isto é insuficiente, é que, agás para as sociedades mercantís e fundacións, o resto de entes non terán persoal propio, rexeranse polas normas de función pública en canto a formas de acceso, concursos, relación de postos de traballo... Todo isto, supón un pequeno paso atrás na LOFAXGA para darlle a razón ao que vimos defendendo dende a CIG, aínda que como repetimos, as sociedades mercantís e fundacións van poder seguir facendo o que queiran en materia de persoal.

As intervencións dos outros sindicatos son difusas. Todos eles critican que haxa retribucións inferiores ás da Xunta, pero ninguén excepto nós critica que se poida integrar persoal con retribucións nalgúns casos propias dun conselleiro.

Función Pública xa nos adiantou que vai recoller algunha das alegacións dos sindicatos antes do día 3 de xaneiro, data en que xa nos adiantaron que quedará definitivamente aprobado na Comisión Superior de Persoal.

Descarga documentación para a Comisión de Persoal

Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...