Éxito rotundo da folga xeral. Mobilizacións multitudinarias en todas as cidades e vilas.

Unha vez máis os traballadores/as galegos/as conseguimos exitosamente ser capaces de mobilizarnos e plantarlle cara as medidas regresivas do Partido Popular cunha folga xeral que en Galiza tivo unha incidencia das máis altas do Estado español.

Non so a folga é a medida desta expresión de rexeitamento ás políticas do goberno, senón que as manifestacións que percorreron todo o pais, foron a mostra de que os traballadores/as non imos asistir pasivamente a este naufraxio políticamente programado da economía e dun sistema de dereitos sociais que tardamos anos en conseguir.

A folga cunha participación masiva deixa constancia da oposición popular a estas políticas. Participación, polo demais activa por parte de todos os sectores sociais que souberon comprender a nocividade das políticas do PP e a necesidade de mobilizarse e tomar as rúas.

Na Administración Autonómica, cunha participación media do 60%, esta folga expresa ademais nun NON rotundo a todos os recortes de Feijoo e de Rajoy coa diminución dos nosos salarios, dereitos laborais, descansos, carreira e promoción profesional. Cunha incidencia irregular, maior nos centros pequenos, destacando o 80% no Edificio Administrativo de Vigo e o 70% na comarca de Ferrol, e a pesares duns servizos mínimos abusivos, os empregados/as públicos/as estivemos presentes nesta loita poñendo de relevancia as nosa dignidade e as nosas demandas.

O goberno do PP ten que tomar nota que isto é o principio e non o fin e que non vai haber agresión que quede impune aos empregados/as e aos servizos públicos. A LOITA CONTINUA !