A CIG conmemorará o Día Internacional da Clase Obreira reivindicando políticas que garantan os dereitos e o benestar das maiorías sociais

"Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro", é o lema baixo o que a CIG conmemora este 1º de Maio, Día internacional da Clase Obreira.

Se o Primeiro de Maio foi de sempre unha data de reivindicación da clase traballadora, este ano 2020 ante a situación que estamos a vivir, máis que nunca temos que facer escoitar as nosas demandas porque non podemos permitir que nos sigan a empobrecer, a roubar os nosos dereitos mentres se facilita todo tipo de abusos patronais.

Desta crise sanitaria non podemos ser, de novo, as vítimas. Impidamos que o interese do capital estea por enriba da saúde das persoas.

Fronte a isto, temos que reivindicar políticas que verdadeiramente garantan protección, benestar e o dereito a un emprego e uns ingresos dignos na Nosa Terra.