A CIG promove para este xoves, día 10 de xuño, concentracións ás 11:30 horas diante da Delegación do Goberno na Coruña e das tres Subdelegacións de Lugo, Ourense e Pontevedra, nunha ofensiva do sindicato maioritario en Galiza para paralizar a reforma que o equipo ministerial de Iceta pretende introducir no Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) e que foi presentado ás organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral da Administracións Públicas do Estado (CIG, ELA, CCOO, CSIF e UGT o pasado 24 de maio.

Na primeira reunión do grupo de traballo da temporalidade no emprego da mesa xeral das Administracións Publicas do pasado 24 de maio, as persoas representantes de Función Pública afirmaron que a reforma sobre a temporalidade vai descansar sobre 3 patas:

• Modificación do EBEP para evitar a temporalidade futura
• Flexibilización da taxa de reposición (non a eliminan)
• Proceso de estabilización

Poren, na proposta recibida agora da representación do Goberno do Estado:

1. Elimínase a taxa de reposición, e non se contempla ningunha medida que o abuso da contratación temporal derive na creación de novas prazas a sua incorporación as OEP.
2. Non se sanciona a celebración indebida de sucesivos contratos de duración determinada, cun réxime sancionador ás administracións e aos seus responsables e con medidas reparadoras as vítimas
3. Non se pon freo a temporalidade no emprego público atendendo o obxectivo o de previr os abusos derivados da utilización sucesiva de contratos
4. Non se aposta por uns verdadeiros procesos de consolidación do emprego

Pero o que si inclúen é:

  • O nomeamento de interino non dá lugar a ningún tipo de recoñecemento de permanencia
  • O cesamento do persoal interino non xera dereito a indemnización
  • O establecemento dun período de proba
  • Negar o dereito á carreira profesional do persoal interino

Da análise conclúese que o texto vixente do EBEP é máis garantista e respectuoso cos dereitos do persoal temporal que o que pretende establecer o Goberno, polo que demandamos a súa retirada e que se formule unha nova proposta máis acorde coa xurisprudencia da Unión Europea e que dea unha resposta integral ao problema da temporalidade, da estabilización e que permita ás administracións públicas unha xestión dos servizos da súa competencia pública e de calidade, baixo os criterios de racionalidade, economía e eficacia, e afastado de dogmas neoliberais.

Cartaz concentracións contra a lei Iceta