Máis que CIG-Autonómica

Millóns de cartos públicos ao servizo da privatización e mercantilización dos servizos públicos, do ensino, da saúde, dos servizos socias, dos coidados das persoas.

A estación de tren, Castrosúa, o campus Sur e San Lázaro foron os puntos dos que partiron, ao berro de “Feixó escoita, estamos en loita”, as catro marchas que percorreron as principais arterias de Compostela para rematar rodeando o edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano. Unha mobilización convocada pola CIG para reclamar do goberno Feixó unha saída galega xusta da crise, emprego digno e industria con futuro.

Esiximos un cambio radical nas políticas que o Goberno Galego ten posto en marcha ante a grave crise que atravesamos

Unha marea de pancartas dos diferentes conflitos laborais abertos en Galiza exemplificaba esta situación e cuestiona a realidade que presenta o PP que poderá, coa súa maioría absoluta e co uso antidemocrático que fai das institucións e dos medios de comunicación, ocultar, mentir ou manipular sobre a actual crise e as súas graves responsabilidades, pero non nos van calar nin silenciar.

Advertimos a Feixó e aos intereses que representa, que non lles temos medo e por moito que nos queiran negar e someter a un apartheid, somos a primeira central sindical en Galiza e hoxe vimos deixarlle a mensaxe de que é firme a nosa vontade e decisión na loita e na mobilización para atopar solución ás reivindicacións que traemos en cada unha destas faixas, en cada unha das consignas que estamos berrando.

Xunto a isto alertamos do agravamento da crise industrial, social, demográfica e a emigración e denunciamos que a acción do PP e de Feixó está a contribuír de forma intensa a que sigamos a ter os salarios e pensións máis baixas do Estado, que aumente a destrución de emprego e o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos e de industrias estratéxicas, como tamén do comercio ou da hostalaría: non hai en Galiza sector nin territorio a salvo.

Rexeitamos a saída da crise que ten deseñada o PP e o poder económico ao que é servil, que pretende facer de toda Galiza un eucaliptal, un grande parque eólico e un enorme Camiño de Santiago, como reclamo do turismo, porque non crea emprego e o pouco que crea é precario e temporal. Fronte a isto denunciamos que comarcas enteiras, especialmente no norte de Galiza, están en plena reconversión fatal. Se non somos quen de impedir estas políticas, seguirá avanzando a desertización industrial e social.

Escurantismo dos NextGeneration, débeda pública e recortes

Rexeitamos ademais como se anuncian e como se están a xestionar os fondos europeos NextGeneration. Alertamos de que van traer consigo máis débeda pública, máis recortes e reformas antisociais e que están a servir para salvar ás grandes empresas, mentres para o conxunto do pobo e da clase traballadora vivimos despedimentos, deslocalizacións de empresas e desemprego.

Clamamos ademais contra os millóns de diñeiro público que van para as mesmas empresas que grazas á reforma laboral ameazan os postos de traballo ou despiden sen piedade e enunciou, entre outras, o Banco Santander; BBVA; Grupo Inditex, tanto nos talleres, como nas tendas, nas contratas e nas empresas auxiliares; peche das Centrais Térmicas Galegas sen alternativas; industrias electrointensivas; o sector naval de Ferrol e de Vigo; o sector da automoción ou o de carburantes e biocarburantes.

O goberno Feixó, “un auténtico cabalo de Troia”

O goberno Feixó é auténtico "cabalo de Troia” polos anuncios que está facer sobre os proxectos europeos, porque o seu modelo impide termos dereitos, igualdade real, empregos, industria, servizos públicos, salarios, pensións e condicións de vida dignas en Galiza e porque está obsesionado co seu papel de confraternización permanente cos Fondos de Investimento, buscando impoñer unha saída da crise afondando na submisión ao grande capital español e mundial, pero tamén na dependencia económica e política ao sistema español consagrado na Constitución do 1978 e no Estatuto de Autonomía de Galiza de 1981.

Un goberno galego merecente de tal, canto menos debera pórse á fronte, a favor, e non en contra de quen reclamamos outras políticas. Lembramos que ante esta situación a CIG leva meses mobilizándose contra esta realidade, presentando propostas para unha saída galega xusta con medidas concretas para termos un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, creación de emprego, dereitos e servizos públicos.

Soberanía e autogoberno para desenvolver políticas públicas

Propostas xerais e sectoriais para a súa posta en marcha con urxencia, demostrando a viabilidade dun desenvolvemento galego propio e autocentrado, se contamos con todos os instrumentos para ter soberanía e autogoberno e poder levar adiante todo un completo paquete de políticas que concentren todos os recursos públicos, para levar adiante unha completa e ampla intervención pública, de forma exclusiva e central na economía, no sistema financeiero, no sector industrial e no enerxético, pero tamén na protección social.

Defendemos poder decidir sobre o aproveitamento dos nosos recursos e sobre o noso modelo económico e social; diversificar as nosas capacidades produtivas e industriais; procurar un mellor equilibrio territorial e medioambiental que estea ao servizo dunha rendibilidade social e non privada, evite a destrución de emprego e a emigración e consolide o respecto polos dereitos laborais e a mellora das condicións de traballo.

Consideramos que esta é a única vía que permitirá un mínimo desenvolvemento económico e social xusto e que nos garanta o dereito a poder vivir e traballar dignamente na Nosa Terra e concluímos que neste momento histórico a mobilización, a solidariedade, a unidade de clase, a loita obreira, a loita social, son o camiño para avanzar na conquista dun futuro digno como clase traballadora e como pobo galego.