Ourense

A CIG valora positivamente a proposta presentada polo conselleiro de Medio Rural para a creación de 549 postos de traballo para todo o ano de bombeiros forestais a través da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería do Medio Rural que se vai a negociar a semana do 22 de abril, dentro do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. As prazas previstas achéganse á proposta presentada pola CIG perante o Parlamento de Galiza para a duplicación de brigadas de prevención e extinción de incendios.

Dado o aumento da virulencia e extensión dos incendios forestais na Galiza, a súa frecuencia e dado que xa non se limitan a campañas concretas (verán) fai necesario un corpo permanente e profesional de bombeiros forestais na Galiza, 100% público. Segundo a documentación achegada por parte da consellería aos sindicatos da mesa de negociación para esta nova RPT, a consellería de Medio Rural crearía 549 postos de 12 meses que virían a substituír e ampliar as tarefas na prevención e extinción que estaban a ser realizadas pola empresa pública SEAGA. Porén, a CIG convocou unha manifestación día 24 de abril ás 11:00 h, co fin de que o tempo traballado en SEAGA puntúe para as listas da Xunta e que así se recoñeza a profesionalidade deste persoal de reforzo que era contratado ata o de agora pola empresa pública.

Dende a CIG celebramos o reforzo deste servizo público pero tamén insistimos na necesidade de traballar na prevención de incendios a medio prazo co reforzo dos servizos vinculados ao rural que freen o seu despoboamento. Compre unha actividade agraria e gandeira compatible co medio ambiente que reduza a carga de combustible dispoñible para o que recordamos a necesidade de medidas que a incentiven e o reforzo dos servizos de extensión gandeira e agraria que realizan as Oficinas Agrarias Comarcais da Consellería de Medio Rural que están sendo desmanteladas. Destacamos tamén a necesidade de reforzar os servizos forestais que desenvolvan medidas de cambio de modelo produtivo no monte que eviten a especulación e reduzan a superficie poboada por especies pirofitas.

A contratación de novos equipos de valoración da discapacidade hai meses, como medida paliativa para sacar adiante expedientes e minimizar así o tempo de agarda por valoración, foi unha montaxe da Xunta pra sacarse de enriba aos medios de comunicación que lles podían facer dano diante de calquera proceso electoral. Logo diso volvemos á mesma desatención e a xerar distanciamento coa sociedade, coma consecuencia do desmantelamento deses equipos que tampouco eran un luxo asiático, e volvemos a ter unha espera de un ano, ou ata dous, como en Pontevedra, para poder atender un expedente.

INDOLENCIA E INCOMPETENCIA A PARTES IGUAIS

Dicimos que é indolencia por parte da administración do PP mais tamén é unha bufonada diante dese electorado que logo carrexan dende aquelas residencias da terceira idade á urna de votación correspondente e cun voto na man, falamos de trampulleiros e trampulleiras que dominan ese xogo do engano con dependentes. Non é menor o asunto coma tampouco o é esa suma de incompetencias varias dun goberno ausente dos servizos sociais dende hai moitos anos. A evidencia está na multitude de concellos que claman dende hai anos por axudas para loitar contra a soidade dos anciáns ou enfermos e enfermas nos fogares do meio rural. Por provincias, naquelas décadas dos 80 e 90, Lugo e Ourense representaban os focos máis afectados, non imos analisar agora as causas, mais tamén isto caeu en picado demostrando o avellantamento de toda a sociedade galega, e a inversión da campana poboacional da que xa nos avisaban sociólogos de moito renome.

A irrupción do sindicato SEPGA nas recentes eleccións sindicais do persoal funcionario foi unha sorpresa. Nunca antes se mirara votar a tanto subdirector/a xeral, secretario/a territorial, xefe/a territorial, xefe/a de servizo.. Houbo ata quen, pola falta de costume a votar, andaba un pouco perdido.

Consecuencia do resultado, vamos ter unha curiosa representación sindical dos funcionarios e funcionarias, nalgúns casos bipolar. Vai un exemplo:

Fai tan só dous meses, o 18 de febreiro, asistimos a unha xuntanza para negociar a RPT do IET. En representación da Administración estaban Pablo Alejandro Amenedo Bermúdez, director do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativo, nivel 30 (subdirector xeral), e Mª Elena Nimo Mayo, xefa de servizo de xestión, nivel 28. O día 4 de marzo tivemos unha segunda xuntanza, e en representación da Administración repetiron estas dúas persoas.

No DOG do 16/04/2019 publican a Resolución da EGAP pola que se convocan dous cursos para o persoal das entidades locais e do sector público autonómico. O prazo de solicitudes son dez días a partir do seguinte ao da publicación no DOG.

Estes son os cursos:

  • Curso práctico sobre responsabilidade patrimonial das entidades locais. 27 horas.
  • Os recursos administrativos na nova Lei 39/2015. 21 horas.

Para a Secretaría Xeral Técnica, a modificación da RPT é sinxela, para cuestións puntuais, e non estrutural nin transversal, como foron as últimas, e consta de tres partes:

1) Creación dunha praza de persoal enxeñeiro vía execución de sentenza.
2) Creación dunha xefatura de sección na Área de Financiamento, sobre todo para reforzar todos os expedientes que están tendo en materia de financiamento para o Polo de Lugo, e para manexar os fondos Feder que veñen do Ministerio, os que están territorializados.
3) Atendendo a peticións anteriores dos sindicatos, faise un pequeno axuste da RPT como consecuencia da modificación dos estatutos que xa vén de atrás, que xa se falou cos sindicatos anteriormente,:
- Péchanse unicamente a persoal funcionario unha subdirección/dirección de área, que antes estaba aberta á alta dirección (podía vir calquera non funcionario/a).
- Pásanse varios postos de LD a CE.

O secretario xeral indica que na memoria non vai, pero di que adianta, aínda que no anexo entregado para a reunión xa vai incluido, que están coa modificación de estrutura da GAIN na que se van crear dous servizos. O decreto de modificación da estrutura da GAIN vai ir en paralelo, polo tanto, á modificación da RPT.

Con 46 delegadas e delegados, a CIG revalida o primeiro posto na representación de persoal funcionario nas cinco Xuntas de Persoal.

Os resultados globais das votacións do xoves 11 de abril son os seguintes:

2019
    CIG     CSIF    CCOO   UGT   SEPGA   Total 
Servizos Centrais 10 5 3 1 6 25
A Coruña 8 5 4 3 5 25
Lugo 8 5 2 4 4 23
Ourense 6 9 5 3   23
Pontevedra 14 2 3 2 4 25
Total 46 26 17 13 19 121



En relación ao ano 2015, prodúcese unha lixeira baixada de todas as organizacións sindicais ao aparecer en liza outra forza sindical:

Comparativa Eleccións Xuntas de Persoal 2015-2019
    CIG    CSIF  CCOO UGT SEPGA Total
 2015 51 31 22 17   121
 2019 46 26 17 13 19 121

Queremos dar grazas aos milleiros de persoas que confiaron en nós e apoiaron as candidaturas da CIG. Significa un grande aval á nosa liña de traballo sindical e á defensa combativa dos intereses do persoal funcionario e polo mantemento dos servizos públicos.

A Xunta de Galiza pretendeu desmantelar a forza da CIG dentro do ámbito de representación no persoal funcionario, pero a operación non puido ir adiante porque aqui a CIG somos todos e todas os funcionarios e funcionarias que nos apoian co seu voto. Os sindicatos corporativistas, aínda que desta entraron forte, non deben consolidar a súa presencia xa que ao fin todos perdemos cando traen división e estratificación de clases dentro do persoal empregado publico.

Con esta confianza renovada os delegados e delegadas da CIG seguiremos a traballar promovendo acordos se son posibles sen renunciar a melloras reais, dende unha perspectiva ética, solidaria e xusta, plantándolle cara aos recortes e á perda de dereitos. Seguiremos formulando propostas para unha Administración do século XXI, levando a iniciativa alí onde a Xunta ou outros sindicatos seguen anquilosados, e sobre todo, seguiremos ao teu dispor como a mellor ferramenta que temos o persoal funcionario para poder cambiar as cousas.

Comprometémonos a manter o traballo que facemos ben, e a mellorar o que facemos mal, no camiño de conseguir unha administración galega mellor, con persoal funcionario de primeira. Grazas.

A Consellería de Medio Rural está a enviar estes días escritos polo que se modifica, polas boas, os horarios flexibles por conciliacicón familiar ao persoal das Oficinas Agrarias Comarcais.

Segundo a información que temos, estarían a chegar os escritos ao persoal técnico (veterinarios/as e enxeñeiros/as tec. agrícolas), baseándose en que estas oficinas teñen un carácter de oficina de rexistro e atención ao público.

O caso é que, segundo se desprende da notificación, ou asinan a modificación que lles propoñen (de 09:00 a 14:00) ou lles revogan o horario por conciliación familiar.

A modificación no caso da flexibilidade familiar ten que estar debidamente motivada e máis robustecida ca no caso da flexibilidade 'automática'; a flexibilidade familiar é un dereito recoñecido na lexislación de emprego público de Galiza a través da lei de igualdade. Esa motivación de modificación ha de estar singularizada e non pode ser baseada en función das xenéricas necesidades do servizo senón en función das tarefas do posto e estudando o resto de recursos humanos dispoñibles. Motivar insuficientemente faría a resolución arbitraria e nula. Hai un procedemento e uns prazos, que teñen q respectar, ademais.

Certo é que, en último caso, mandan as necesidades do servizo, pero hai que concretalas. E se eses postos non fan atención pública nin traballos suxeitos a un horario fixo, esa resolución decae nun xulgado. Por nin falar que habería que facer un estudo do cadro de persoal, cargas de traballo, condicións familiares e reparto de tarefas; non ten sentido obrigar a estar de 9 a 14 h a todo o mundo se hai xente que para esas concretas tarefas non ten flexibilidade familiar e xa vai estar de 9 a 14 h.

Nos casos de flexibilidade familiar as dinámicas da xurisprudencia están sendo bastante favorables. Non sabemos porque se meten neses xardíns que ademais poden ter consecuencias de desgaste político para o Goberno da Administración que as aplica.

Presentámosche o Boletín da CIG de Saúde Laboral, nº 31, publicación en materia de prevención de riscos laborais e saúde laboral, elaborada polo Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega.

Neste número:

  • Campaña da dereita política e empresarial para que as mutuas tamén controlen as baixas laborais por enfermidade común.
  • Procedemento xeral de actuación en caso de enfermidade ou accidente que impida traballar.
  • A Seguridade Social, as empresas colaboradoras, as mutuas e o Partido Popular: crónica dunha xestión nefasta e irregular.
  • A enquisa hixiénica, unha ferramenta imprescindible no procedemento de avaliación de riscos.

A CIG é a alternativa que temos o persoal funcionario para recuperar dereitos. Fronte a isto están os sindicatos que pactando malos acordos, impediron conseguir un cadro de melloras aceptable.

  • NON quixeron que as nosas retribucións subisen, polo menos, conforme ao IPC. E estableceron unha porcentaxe fixa por debaixo do IPC e outra vinculada ao crecemento do PIB, ámbalas dúas foron absorbidas no 2018 pola inflación.

 

  • NON quixeron que a xornada de 35 horas fora recoñecida por lei. Acordaron que cada Administración a fixaría a súa, e iso significa que nunha Administración "dura" como a Xunta de Galiza vai ser difícil conseguila.

 

  • NON quixeron que o número de anos para aqueles que entren nos graos extraordinarios I e II da carreira profesional fose de 4 anos como no SERGAS. Os grupos altos tardarán 7 anos en facelo e os baixos 5, polo que todos cobraremos peores importes que no SERGAS.

 

  • NON quixeron que os persoal interino entrase no sistema extraordinario de carreira profesional por moitos anos de servizos que acumulasen. O que supón unha perda de ingresos respecto ao resto de compañeiros/as.

 

  • NON quixeron que o complemento por incapacidade temporal se recuperase por lei, tal e como nos foi quitado. Ao deixalo ao albedrío dun acordo este recuperouse na Xunta seis meses máis tarde que no Estado e co condicionante de que o que se vai cobrar por IT non son as retribucións que correspondan cada mes senón as do mes anterior á baixa durante toda a IT.

 

  • NON quixeron plantarse ante o ritmo marcado por Función Pública e deron por válida a ausencia de concursos de traslados, en corpos xerais, escalas e especiais. O ritmo marcado por F.P. dende metade do 2018, abrindo continuamente novos asuntos sen pechar os anteriores, foi a desculpa para non sacar os concursos de corpos e escalas, bloqueados dende o primeiro borrador en xuño do 2017.

 

  • NON quixeron unha promoción interna mellor. Non queren que sexa masiva, nin sequera pactaron co goberno que chegase ao 50% do total da oferta pública. Tampouco quixeron acordar unha importante simplificación. No borrador da OEP de 2019, só 263 das 2.653 son para promoción interna de persoal funcionario de Administración xeral e especial.

 

Realmente, quen son os sindicatos do NON?

  • SI a recuperar dereitos
  • SI aos concursos anuais e áxiles
  • SI a unha promoción interna real
  • SI a subas salariais por riba do IPC
  • SI a unha carreira profesional inclusiva e con prazos reducidos
  • SI a unha xornada de 35 horas
  • SI a un cadro de permisos e licenzas do século XXI