Pontevedra

Recibimos correo de Función Pública co borrador de prazas a ofertar para a elección de destino do persoal funcionario que superou o proceso selectivo de A1-Biólogo.

Temos prazo de alegacións ata o mércores 19 de xuño, así que se queres dicirnos algo, podes contactar coa CIG canto antes.

O director xeral da Función Pública segue a columpiarse dicindo na última Comisión de Persoal (12/06/2019) que vai alongar todas as comisións de servizo ata que convoque os concursos. Pois a CIG oponse totalmente. Esta maneira chanchulleira e mafiosa de ter á xente anos e anos en comisión contravén o que dí a lei.

Así presentamos un recurso administrativo (que acabará nun contencioso) no que denunciamos unha por unha as 414 comisións de servizo que a día de hoxe superan os dous anos de duración.

Temos detectado os seguintes números de comisións irregulares:

  • Servizos centrais: 171
  • A Coruña: 72
  • Lugo: 62
  • Ourense: 36
  • Pontevedra: 73

E xa non só iso, tan pronto se aprobe o Decreto de provisión de postos imos tamén a impugnalo, pois segue a manter o sistema de concesións das comisións dunha maneira oscurantista, sen procedemento claro nin obxectivo e mantendo moitas casuísticas nas que se poden superar os dous anos.

A CIG defende que sempre que unha praza teña reserva de posto as comisións sexan rotatorias e non na mesma persoa; este é o núcleo do enchufismo desta Administración. A mellor solución: concursos de traslados anuais, en todas as categorías e escalas, como paso intermedio ao concurso permanente.

O venres 14 de xuño tivemos unha xuntanza con Medio Rural polos chamamentos de listas de substitución para prazas de nova creación do servizo de incendios. A información que traslada a consellería é a seguinte:

  • Os chamamentos faranse con comunicación por carta.
  • Todos os chamamentos serán para as 10:00 da mañá, segundo o seguinte calendario:
    • O día 21 de xuño, B.F Xefe/a de brigada.
    • O día 25 de xuño, B.F. condutor.
    • O día 26 de xuño, Bombeiro/a forestal (B.F.).
  • Os chamamentos serán nas xefaturas territoriais, ou no edificio que dispoñan as mesmas por motivos de aforo.
  • So haberá un sitio de chamamento por provincia. En Ourense houbo un erro e na citación electrónica apareceran dous lugares (na citación por carta xa vai corrixido).
  • O certificado médico presentarase no chamamento, non nas probas físicas como se viña facendo de costume.
  • A proba física vaina facer TRAGSA, e será o día 3 de xullo (se non hai cambios de última hora).
  • A previsión de incorporación deste persoal é para canto antes; aínda que non nos puideron apuntar data exacta, prevese que na primeira quincena de xullo.
  • Demos traslado de todas as queixas no referente ao caótico de todo o proceso e da imposibilidade de subsanación de erros nun proceso que está resultando totalmente opaco. Pero como sempre din, alí non era o sitio nin estaban os responsábeis destas cuestións.

Na Comisión de Persoal do 12/06/2019 votáronse as propostas de modificación das RPTs de Facenda, IET e Medio Rural, así como a modificación do protocolo de acoso laboral e outras discriminacións no traballo. A maiores, fixemos numerosas preguntas que poden ser do teu interese.

Modificación do protocolo de acoso laboral: aprobado co voto a favor das catro organizacións sindicais.

RPT de Facenda: aprobado co voto a favor de CCOO, CSIF e UGT, e a abstención de CIG.

RPT do IET: aprobado co voto en contra de CIG e CSIF, o voto a favor de UGT e abstención de CCOO.

RPT de Medio Rural: aprobado co voco en contra de CIG e CSIF, e o voto a favor de CCOO e UGT.

E en rogos e preguntas:

Concursos de traslados: a falta de RPT de Medio Rural era a escusa para non convocar algúns dos concursos de traslados, segundo ten manifestado Función Pública. Unha vez aprobada esta RPT pedimos a convocatoria dos concursos de traslados de persoal laboral e funcionario, de administración xeral e especial. O DXFP resposta que na semana que vén retomarán as bases de criterios xerais para no prazo máximo dun mes aprobar a convocatoria dos concursos de Administración Xeral e de veterinarios.

A xornada de verán é un exemplo das distintas modalidades de discriminacións que están a facer con varios tipos de persoal ao que non se lle aplica.

Pasadas as 14h do venres 14, recibimos correo de Función Pública coa nota informativa sobre o horario de verán 2019. Descargar.

O primeiro que esixe a CIG é que o horario de verán se regule de xeito permanente, e non mediante “notas” de Función Pública que chegan cada ano a última hora.

O segundo, arranxar algúns aspectos discriminatorios do contido das instrucións:

1. Persoal que ten horario especial, traballa a quendas ou xa ten unha redución de xornada previa. Esto é, que a inmensa maioría do persoal laboral, e bastante persoal funcionario, está excluido do horario de verán. A CIG demanda que este beneficio sexa de aplicación a todo o persoal, e se non pode ser aplicado que se ofreza algunha compensación en descanso.

Ao igual que cos demáis asuntos que foron á Mesa Xeral do 7 de xuño, co Decreto de funcionarización do persoal laboral fixo tampouco houbo negociación colectiva (seguramente si negociaron con CCOO e UGT). Ata nos fixeron entrega dunha nova versión do decreto na propia Mesa Xeral que, evidentemente, foinos imposíbel poder estudala sobre a marcha. Non é aceptable que pretendan despachar un asunto que afecta a máis de 7.000 persoas sen unha negociación máis pausada, polo que reclamamos a retirada do asunto da orde do día da Mesa Xeral. O director xeral de Función Pública negouse a retirar o asunto, limitándose a comprometerse a termos unha xuntanza monográfica para tratalo. E mentres a CIG denuncia a falta de negociación, algún sindicato esmérase en facer unha deliciosa oda ás bondades do decreto.

Entre os múltiples problemas expresados pola CIG subliñamos:

  • A funcionarización ten que ser un proceso que comece pola convocatoria de concurso de traslados, procesos selectivos, negociación das condicións económicas e finalmente a funcionarización. A Administración vai comezar polo que debería ser o último paso.
  • Non á funcionarización sen recoller os dereitos establecidos polo convenio colectivo, e estendelos a todo o persoal, funcionario e laboral. Por exemplo, a recuperación do artigo 19 do convenio e a promoción interna a calquera grupo. Se fai falla, que modifiquen a Lei do emprego público de Galiza.
  • Preguntamos que pasa co persoal laboral fixo que superou a oposición cunhas condicións de titulación determinadas, e agora, cos novos requisitos, non cumprirían. É precisa unha revisión dos requisitos de titulación que esixen ás escalas.
  • Non é aceptábel que se produzan desequilibrios nos trienios entre os antigos e novos funcionarios, polo que reclamamos a suba dos trienios mínimos dos actuais funcionarios para igualalos aos do persoal laboral.
  • Que fagan as xestións necesarias co goberno do estado encamiñadas a ampliar os dereitos de xubilación parcial, e que tamén entre o persoal funcionario.
  • Queremos saber os prazos para a funcionarización.
  • Preguntamos pola devolución da carreira a quen non se funcionarice (algún sindicato afirma que non vai pasar nada). Queda claro que quen voluntariamente non se presente ou suspenda, vai ter que devolver as cantidades cobradas de carreira.
  • Sendo o complemento de funcionarización non absorbible, agás incrementos de retribucións complementarias, preguntamos se o complemento de funcionarización vaise comer ao complemento de carreira, co que a o cobro deste último xa non tería tanto interese como chantaxe para forzar á funcionarización. O director de Función Pública, despois de pensarse a resposta, dixo que tiña que consultalo pero que opinaba que non. A pregunta resultoulle incómoda. Non queda nada claro que non sexa así e por tanto, o gancho do cobro da carreira, sexa algo de fume.

Tras dous meses sen dar sinais de vida, fomos convocados a discutir a RPT de Medio Ambiente, a de Medio Rural, a do IGVS, do IET, de Facenda e do GAIN. Seis RPTs, a maiores do protocolo para a prevención de situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo, e da proposta de Decreto de funcionarización do persoal laboral fixo.

Todo ese contido quixeron despachalo entre a Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos do venres 7 de xuño, e unha xuntanza previa o día anterior. Un enorme volume de documentación sen tempo para estudala, ao que engadiron nova documentación achegada durante as propias reunións. En definitiva, unha fraude á obriga de negociación colectiva que recolle a lei, polo que exploraremos a viabilidade de medidas xudiciais.

A previsión é a seguinte:

  • O mércores 12 de xuño haberá unha Comisión de Persoal onde aprobarán o seguinte: protocolo de acoso laboral, RPT de Facenda, RPT do IET e RPT do Medio Rural.
  • O resto, queda para unha seguinte Comisión de Persoal.

RPT MEDIO RURAL

Unha RPT moi grande chea de erros. A consellería, para alegrarnos o día, enviounos o xoves 6 de xuño a resposta ás alegacións que presentaramos, á mesma hora á que estabamos reunidos con Función Pública para discutir as RPTs. Ante a inxente cantidade de documentación que tivemos que estudar en poucas horas, foi imposíbel prestar a máis mínima atención ao que nos enviaron a última hora. En definitiva, unha falta de respecto á negociación colectiva.

Función Pública convocou unha Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos para o venres 7 de xuño, e unha xuntanza previa á Mesa para o xoves 6. Estes son os asuntos da orde do día:

A Mesa Xeral do venres 7 vai ser a sétima Mesa do ano: houbo tres en febreiro e outras tres en marzo. Dous meses e pico despois da última, convocan unha xuntanza excesivamente densa pola cantidade de RPTs que se van tratar. É dicir, que volven a utilizar a táctica de sobresaturar aos sindicatos con exceso de materia e falta de tempo para que sexa imposíbel traballar adecuadamente e, sobre todo, para impedir reaccións desagradables.

A EGAP vén de convocar un curso monográfico estruturado arredor dos seguintes contidos:

  • A Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable: antecedentes, obxectivos e metas.
  • Os 17 obxectivos para o desenvolvemento sustentable (ODS) como reto e oportunidade para as administracións públicas: implementación da Axenda 2030.
  • Alianzas e coordinación na Xunta de Galiza para conseguir a Axenda 2030: a Comisión Interdepartamental.
  • A Axenda 2030 en Galiza: diagnóstico do ámbito ambiental.
  • Cooperación local no mundo global: Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
  • O proceso de implementación da Axenda 2030 e os ODS nas universidades galegas a través da Rede galega de cooperación universitaria para o desenvolvemento (RGCUD).
  • A acción exterior no marco da Axenda 2030: o IV Plan director da cooperación galega.

Os expedientes son transportados por persoal de Tragsatec sen saber como son controlados, quen accede a eles ou que se fai cos datos.

A CIG vén de presentar denuncia contra a Dirección Xeral de Patrimonio, perante a Axencia de Protección de Datos, por externalizar a emisión de informes da Comisión de Patrimonio Histórico a través de encomendas de xestión con Tragsatec, traspasando a custodia e tramitación de expedientes sensibles a unha empresa externa sen ningún tipo de control, nin planificación de xestión dos datos contidos neses expedientes.

Entre outros datos, a central sindical sinala na súa denuncia planos de edificacións, contas bancarias, orzamentos de obra e todos os datos contidos en permisos de edificación e xestión urbanística. Datos que deben permanecer debidamente custodiados e tratados por persoal cualificado, polo que reclama a eliminación das encomendas de xestión e a creación das prazas necesarias para desenvolver os traballos de patrimonio cultural.

Encomenda a Tragsatec

Desde o ano 2018 a consellaría de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, está a externalizar o traballo técnico do persoal arqueólogo e arquitecto a través de varias encomendas coa empresa Tragsatec. Os expedientes abandonan as instalacións da consellaría de Cultura e son transportados por persoal da empresa Tragsatec ás súas instalacións onde nin se sabe por quen son controlados, nin quen accede ou que fai cos datos.