Pontevedra

A Mesa Xeral convocada para o mércores 13/03/2019 finalmente foi aprazada para o venres 15/03/2019. Tratáronse os seguintes asuntos:

  • Acceso ao réxime extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional
  • Criterios xerais dos procesos de funcionarización
  • Convocatoria do proceso selectivo da escala superior de estatística.
  • Convocatoria do proceso selectivo da escala técnica de estatística.
  • Convocatoria do proceso selectivo da escala de letrados.

PROCEDEMENTO PARA O ACCESO AO RÉXIME EXTRAORDINARIO DO GRAO I DA CARREIRA PROFESIONAL

Traen a xuntanza un novo documento modificado, sen tempo para o seu estudo. Supomo que xa esta negociado no despacho do director de Función Pública con CCOO e UGT. Aquí establecen o complemento de carreira en relación ao complemento de destino, amplían prazos de presentación de solicitude e se afinan os subterfuxios e condicionados de acceso do persoal laboral fixo á carreira profesional.

A CIG reitera as alegacións presentadas na procura dunha carreira profesional mais xusta, para todo o persoal, e solicitamos a súa negociación. O director xeral de Función Pública respostou só as seguintes alegacións da CIG:

  • O prazo de 6 meses faiselles moi longo.
  • O persoal laboral non integrado no V Convenio non cobrará a carreira profesional e o persoal do Consorcio tamén queda fóra.
  • As sentenzas do Tribunal Supremo non teñen incidencia no Acordo galego. (ver primeira e segunda labazada xudicial á carreira profesional)
  • Non quixeron entrar nas particularidades e diferentes casuísticas da aplicación da orde ao persoal laboral.

Fai uns dias que algunhas persoas están a chamar aos locais da CIG preguntando por unha folga convocada para o xoves día 21 de marzo. A única información que tiñamos era algún papeliño que apareceu nalgún centro, ata que fai dous ou tres días comezaron a notificar servizos mínimos a algunhas persoas.

Non era moita a información que circulaba, pouco máis que unhas pistas que falaban dunha folga convocada en todas as administración públicas do estado.

Como ven sendo habitual para non dar tempo a recursos xudiciais, a Xunta ditou os servizos mínimos a véspera da folga (curioso, que xa fai días houbo quen recibiu notificación de servizos mínimos cando ainda non existía Orde).

Para completar o alucine, o mesmo día que publican os servizos mínimos, tamén na véspera, aparece unha información do suposto sindicato convocante desmentindo que eles convocaran folga algunha.

Pois a ver como acaba isto. Se non hai folga legal convocada, quen decidiu publicar unha Orde de servizos mínimos? E se efectivamente foi convocada, e posto que a negociación deses servizos é obrigatoria, con quen se sentaron a discutilo? 

Haberá algún iluminado ou iluminada que dea explicacións? E se alguén meteu a pata, aparecerá a súa cabeza nunha bandexa?

No DOG do luns 18 de marzo de 2019, publícase a Resolución do 7 de marzo de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza do grupo IV, categorías profesionais de xerocultor/a e de persoal de servizos xerais.

As persoas interesadas deberán presentar instancia conforme ao modelo que se encontra á súa disposición no portal web da Xunta de Galiza e pagar as taxas correspondentes.

O prazo para a presentación de instancias comezará o martes 19 de marzo, e rematará o 30 de abril de 2019.

Para ter información sobre as titulacións requiridas e os demáis requisitos das listas consulta a Resolución.

Outra sentenza do Tribunal Supremo, agora contra un acordo de carreira profesional do Institut Català de la Salut que excluía ao persoal interino.

Hai unha semana informamos aquí que o Tribunal Supremo fallou en contra dun acordo de carreira profesional que excluía a interinos e temporais nas Illes Balears. Pois ben, nunha sentenza de data 21/02/2019, o Tribunal Supremo volve sobre os mesmos argumentos, esta vez para declarar discriminatorio o acordo de carreira do Institut Català de la Salut.

No Fundamento de Dereito Sexto da citada sentenza, o Supremo establece:

1º) "que a carreira profesional, como a establecida no Acordo da Mesa Sectorial de 19 de xullo de 2006 (DOGC de 28 de decembro de 2006, coa modificación publicada no DOGC de 29 de marzo de 2007), está incluída no concepto “condicións de traballo” da cláusula 4ª do Acordo Marco incorporado á Directiva 1999/70/CE referida ao principio de non discriminación, e aos efectos de valorar as diferenzas de réxime xurídico aplicable aos funcionarios interinos e ao persoal laboral temporal, ao que ven referida a actuación impugnada."

Chegou á CIG un ruxe-ruxe que fala dunhas reunións da Xunta con certos sectores da alimentación relacionados directamente con provedores das cociñas que atenden ós comedores de xestión directa dos CEIPs pertencentes á Consellería de Educación, os cales son atendidos por persoal laboral da Xunta de Galiza.

As reunións terían sido en Compostela, con membros da Asociación de Carniceiros e nesa reunión os representantes da Xunta aseguraron que as cociñas que atenderan os comedores escolares de menos de 250 comensais serían substituídas por servizos de catering.

De ser así, a maior parte das cociñas destes comedores escolares botarían o peche para ser substituídas por un servizo de catering que todos aqueles que o coñecemos sabemos que é de dubidosa calidade. Amáis habería un importante número de traballadoras e traballadores afectados que, como pouco, deberían cambiar de destino de traballo si é que non hai perdas de emprego.

A Xunta debería dar explicacións a cerca de si este ruxe-ruxe ten algún fundamento, ou si é que pretende que no medio de todo esta morea de procesos nos que os empregados públicos nos vemos mergullados neste momento, pretende facer pasar desapercibida a eliminación dun persoal e dun servizo público máis, en prol dunhas empresas privadas que están servindo unha comida de dubidosa calidade nas escolas públicas.

Comunicaronos dende Función Pública a apertura de novas listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza, grupo IV, categorías profesionais de xerocultor/a e de persoal de servizos xerais (PSX).

Segundo a información que nos transmiten, publicariase no DOG previsiblemente o luns 18 de marzo.

O Tribunal Supremo ven de fallar a favor de incluír ao persoal interino e temporal na carreira profesional das Illes Balears

Un mes e pico despois de que CCOO e UGT decidiran coa Xunta que o persoal interino e temporal non ten que cobrar a carreira profesional, o Tribunal Supremo, nun caso similar ao noso ven de fallar:

  • "que a carreira profesional establecida nos acordos ratificados polo acordo do Consello de Goberno das Illes Balears de 8 de maio de 2015 está incluída no concepto “condicións de traballo” da cláusula 4ª do Acordo Marco incorporado á Directiva 1999/70/CE referida ao principio de non discriminación, e aos efectos de valorar as diferenzas de réxime xurídico aplicable aos funcionarios interinos e ao persoal laboral temporal, ao que ven referida a actuación impugnada."
  • "que existe discriminación deste persoal por condicionarse a súa participación na carreira profesional deseñada no acordo recorrido á circunstancia de ter superado un proceso de ingreso..."
  • "que supón, do mesmo xeito, a estimación do recurso contencioso administrativo coa consecuencia de declarar contraria a Dereito a actuación impugnada na medida en que exclúe aos funcionarios interinos e ao persoal laboral temporal do réxime de carreira profesional e o recoñecemento do dereito das recorrentes a esa carreira profesional ..."

Adviñas quen asinou este acordo discriminatorio nas Illes Balears? Acertaches: CCOO e UGT, entre outros, ademais de CSIF.

A pesares de todos os antecedentes que hai, a xurisprudencia, as directivas europeas, especialmente a 1999/70/CE, CCOO, UGT e a Xunta decidiron discriminar ao persoal interino e temporal, polo que o recurso da CIG vai ser o único xeito de incluílo dentro do sistema extraordinario de carreira profesional. A non ser que atendan a petición de renegociar o acordo para facelo universal.

Para situarnos.

Recibimos proposta de modificación da RPT da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Teremos unha xuntanza coas persoas responsábeis da consellería o venres 15 de marzo. Se é do teu interese, podes contactar coa CIG.

 

No DOG do luns 11 de marzo publicaronse as seguintes convocatorias de procesos selectivos:

- ORDE do 5 de marzo de 2019 pola que se convoca proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 003 do grupo V (ordenanza e outras) de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia. Ir ao DOG.

- ORDE do 5 de marzo de 2019 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario subalterno da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Ir ao DOG.

Funcionarizacións e reclasificacións, deixando de lado a gran parte do persoal laboral e a todo o persoal funcionario.

CCOO, UGT e Xunta acaban de negociar un documento no que se regulan os criterios do proceso de funcionarización do persoal laboral. E sabémolo porque eles mesmos fan resumos onde afirman que na comisión de seguimento do acordo de concertación tratáronse eses e outros temas, como as ofertas de emprego, o decreto de provisión, etc, ..

Este documento de funcionarización que nos envía a Xunta o luns 11, xa cociñado, para unha mesa xeral o próximo mércores 13, xa circulaba polas redes a semana pasada, porque delegados de CCOO e UGT compartírono en varios grupos de whatsapp, polo que moita xente puido velos.

A maiores, están a traballar cun documento onde aparece unha relación de categorías funcionarizables, das cales a moitas delas as reclasifican de grupo, coa súa correspondente equivalencia como persoal funcionario. Este documento si que tiveron a decencia de enviárnolo a nós.