No DOG de 6 de febreiro de 2009 publicouse o Acordo entre a Consellaría de Educación e as organizacións sindicais máis representativas no que se recoñece e regula o horario especial para o persoal subalterno da Xunta de Galiza destinado en centros de ensino. No dito acordo contémplase que, en caso de discrepancias na adxudicación provisional do horario por parte da dirección do centro, o persoal subalterno pode solicitar a súa revisión pola Comisión Provincial de Horarios, que convocará e presidirá o xefe territorial de Educación provincial. É a esta Comisión Provincial de Horarios a quen compete o estabelecemento do horario definitivo.

Na provincia da Coruña, no ano 2011 dous subalternos solicitaron a xuntanza da Comisión: un dos subalternos reclamou en xuño e o outro en setembro; porén, malia que os prazos estabelecidos no artigo 11 do acordo regulador indican que en 10 días desde que se presentou a primeira reclamación debería terse constituído a Comisión Provincial de Horarios, e que en 30 días a dita Comisión debería ter ditado unha resolución establecendo o horario definitivo do persoal subalterno afectado, xa transcorreron seis meses e medio sen que o xefe territorial de Educacion da Coruña convocase a Comisión Provincial nin solucionase o problema.

Nunha entrevista a comezos de decembro de 2011 con representantes sindicais, o xefe territorial asegurou que trataría de solucionar os problemas sen ter que convocar formalmente a Comisión Provincial de Horarios, mais de momento todo está igual.

Nun dos casos, o subalterno desenvolve unha parte da súa xornada de traballo só  no centro, sen ningún membro do equipo directivo que se faga responsábel -cómpre ter presente que o/a director/a cobra un importante complemento salarial por exercer o seu cargo-, incumprindo as directrices da Consellaría de Educación, xa que o director, ou outro membro da dirección, é quen está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do persoal e/ou dos bens que integran un centro docente mentres este estea aberto ao público. Neste caso, o/a director/a do centro cobran por exercer como tal, mais marcha para a súa casa e manda quedar a un subalterno para que lle faga o seu traballo coa súa presenza física.

Esta mesma Comisión nunca cumpríu os prazos porque xa se reunira a remates de agosto do ano 2010 e fora solicitada en maio. Desde aquí instamos á Secretaría Xeral da Consellaría de Educación para que dea orde de inmediato á Xefatura Territorial da Coruña de que deixe de chantaxear a quen reclama a convocatoria da Comisión e solucione o problema dos horarios nos dous centros afectados, convocando a Comisión de Horarios e cumprindo os prazos estabelecidos na normativa vixente aprobada pola propia consellaría.