Se non bastara coa paralización de procesos pendentes, moitos dos cales non teñen un impacto económico, nas poucas cousas que se moven (comisións de servizo, LDs ou RPTs) atopamos tanta resistencia do director xeral de Función Pública para que responda a calquera dos nosos escritos de solicitudes e denuncias como para que nos achegue calquera dos borradores prometidos de cuestións pendentes.
Ante o parón na execución de todos os concursos de traslados, os postos de cobertura por concurso convértense transitoria e indefinidamente en postos de cobertura por libre designación. A CIG vén denunciando reiteradamente a escasa obxectividade na normativa deste aspecto e algún que outro meritorio incumprimento pola súa extensión no tempo. Do mesmo xeito, demandamos concursos permanentemente abertos que farían que todos os postos por concursos se cubrisen se xeito obxectivo e sen que o dereito á mobilidade quedase cercenado.
Medidas concretas
Vimos de solicitar, por enésima vez, a inclusión do tempo de concesión das comisións de servizo. Está moi ben que nos faciliten a data de resolución pero a nosa capacidade de intervención vese minguada se non sabemos cando caduca esa comisión.
Por outra banda, solicitamos acceso ás resolucións presuntamente irregulares que manteñen a mesma persoa desde o 2006 na comisión de servizos da subdirección xeral de Investigación, Cambio Climático e Información Ambiental.
Por último, insistímoslle ao director xeral que temos dereito a coñecer a situación de vacante/non vacante das prazas das RPTs de cara a garantir o dereito á mobilidade de todos os empregados públicos. Tempo atrás lle solicitamos un acceso mediante aplicación semellante á das comisións de servizo ou canto menos un compromiso de resposta rápida antes as diferentes consultas.