COMUNICADO, do 2 de marzo, polo que se declara loito oficial en Galicia con motivo da publicación no DOG da Lei de Medidas no Emprego Público en Galicia

Para manifestar o seu sentimento, o dos traballadores e traballadoras da Xunta e o do pobo galego por causa da publicación deste ataque contra os Servizos Públicos Galegos, a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia teñen a vontade de facer pública a dor dos seus membros e a de toda a cidadanía.

Polo tanto, por proposta do persoal funcionario e laboral e logo de multitude de concentracións, manifestacións, presentacións de alternativas de aforro e outros actos de mobilización ao longo de febreiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declárase loito oficial en Galicia desde as 00.00 horas do día 2 de marzo ata as 24.00 horas do día 6 de marzo de 2012.

2. Nos devanditos días, prégase aos empregados e empregadas públicas que colguen nos seus postos de traballo cartaces ao efecto e porten crespóns negros en todos os centros e edificios públicos dependentes da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira.

Este comunicado entrará en vigor o mesmo día da súa publicación a través dos medios dos que dispoñen as diferentes organizacións sindicais.

Santiago de Compostela, dous de marzo de dous mil doce.

Pilar de Celis Getino                                                                        Ana Landrove Becerra


Presidenta da Xunta de Persoal SSCC                                       Presidenta do Comité de Empresa SSCC