Ante as declaracións da Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que cualifica á CIG de irresponsábel e difamatoria, e asegura que non entende como o sindicato pode recriminar ao goberno galego por establecer uns servizos mínimos abusivos na pasada folga xeral do 29 de marzo en contraposición cun cadro de persoal escaso, a CIG-Autonómica manifesta:

1. Impoñer uns efectivos do 100% nunha xornada de folga, como ocorreu o 29 de marzo no SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais) é impedir o exercicio do dereito de folga.

2. Nas "negociacións" dos servizos mínimos, e así consta en acta, a CIG solicitou que DE XEITO SIMBÓLICO se permitise participar na folga ao persoal adscrito ao SPDCIF. En ningún caso pretendeu o sindicato desmantelar o servizo de incendios.

3. Deixamos constancia de que existía o compromiso por parte dos traballadores de que no caso de necesidade, os que libraban o día 29 incorporaríanse ao servizo.

4. E expresamos tamén que tiñamos o compromiso de que en caso de máxima necesidade ou de catástrofe, os traballadores que exerceran o seu dereito á folga renunciarían a tal dereito, incorporándose de inmediato ás tarefas de extinción.

5. Foi esta negativa a recoñecer tal dereito aínda que fose de xeito simbólico o que levou aos delegados da CIG que o día 29 estaban de libranza a declararse en folga e solicitar que se lles descontaran os haberes da súa nómina.

6. Como exemplo dese "xeito simbólico" enviamos á prensa a comunicación dun dos nosos delegados que o día 29 libraba e comunicou ser considerado en folga.

7. A CIG manifestou nas negociacións dos servizos mínimos que o exercicio do dereito da folga non ía significar que ardera nin un metro cadrado máis do territorio galego dada a responsabilidade que sempre caracterizou aos traballadores deste servizo e que adquiriron tales compromisos.

8. As declaracións da conselleira só poden significar o recoñecemento de que non hai máis argumentos para rebatir os datos dun servizo escaso de efectivos que a mentira e a difamación.

Nota remitida aos medios