Traballadoras e traballadores dos centros públicos de Benestar percorreron o pasado venres Compostela, desde a Cidade da Cultura até o edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, nun longo traxecto polo centro da cidade, en defensa destes servizos. Con esta marcha, convocada polo  Comité Intercentros e os  catro comités provinciais de Traballo e Benestar, exixiron responsabilidades pola política de desmantelamento dos servizos públicos e a amortización de postos de traballo.

O punto de partida da mobilización non foi casual. Os convocantes escolleron a Cidade da Cultura como “máximo símbolo do despilfarro” e remataron na consellaría de Traballo “como máximo símbolo da incompetencia política”.

Con esta mobilización, que segue ás numerosas accións desenvolvidas nos últimos meses poloas traballadoras e traballadores, denunciaban o peche do Centro de Menores de Montealegre, en Ourense, e o peche encuberto do Centro de Menores Soutomaior, co traslado dos traballadores/as fixos/as e o despedimento do persoal laboral; a amortización de prazas de ordenanzas nas residencias de maiores de Volta de Castro, en Compostela e nos de Oleiros e Ferrol e a redución de persoal das residencias de Tempo Libre de Patos e do Carbaliño.

Entenden que tras desta política de desmantelamento e de eliminación de postos de traballo -até 70, segundo anunciou a consellaría o pasado mes de abril na mesa xeral de negociación de empregados/as públicos/as- agóchase o obxectivo de ir privatizando e convertendo en negocio estes servizos en detrimento da súa calidade.

Para os convocantes resulta paradoxal que sexa precisamente a consellaría de Traballo e Benestar a que estea a promover estas políticas de destrución de emprego que teñen ademais, como consecuencia, que o persoal que segue traballando padeza unha sobrecarga, co conseguinte deterioro da atención que reciben as persoas que dependen destes servizos.

Galería de imaxes