Suba do IVE, recorte salarial e despedimentos de empregados públicos como recortes máis probables e suba da idade da xubilación ou diminución das prestacións por desemprego, entre outras.

Xa é oficial: 100.000 millóns de euros da UE e do FMI para recapitalizar á banca española a través do FROB. O sábado, 9 de xuño, pola tarde o ministro de Economía, Luis de Guindos, aceptaba o "préstamo en condicións moi ventaxosas" para a banca española. A pesar de que o ministro asegura que non terá contraprestacións para a cidadanía, o comunicado do Eurogrupo deixa claro que existen recortes pendentes. É dicir, se non se cumpre pronto co déficit, se pecharía tamén a billa  para a banca.

Desde Alemaña recetan desde fai tempo a España 4 novos recortes para cadrar as contas públicas. Na axenda reformista do Goberno ocuparían os primeiros lugares a suba do IVE e o recorte sobre as traballadoras e traballadores públicos; tenta resitirse aos outros dous dado o maior desgaste eleitoral: pensións/idade de xubilación e prestación por desemprego.

Medidas sobre as traballadoras e traballadores públicos

Con case seguridade, conxelaranse as novas prazas e tamén se recortarán os salarios, probablemente a través de reducións nas pagas extras e nos complementos. A liña vermella está nos despedimentos: reducir o número total de traballadores públicos; non só eliminando persoal interino. Non sería novidade nun país intervido: xa pasou en Irlanda, en Grecia e en Portugal.

Suba do IVE

Non se trata só de subir dous ou tres puntos o tipo máximo, do 18% ao 20-21%. Tamén pasa por cambiar determinados produtos e servizos do IVE reducido ao IVE normal. Por exemplo, os hoteis e restaurantes en gran parte de Europa pagan o IVE normal; aquí, polo de agora, é IVE reducido.

Pensións

É un dos recortes que o Goberno intenta evitar, consciente da súa tremenda impopularidade. Hai tres posibilidades: elevar aínda máis a idade de xubilación -en Irlanda, por exemplo, xa están nos 68 anos-, acelerar a entrada en vigor da xubilación aos 67 e, como última opción, recortes as pensións que agora mesmo se pagan.

Prestacións por desemprego.

En dúas vías: endurecendo as condicións para acceder ao seguro de desemprego e tamén reducindo a súa contía e a súa duración.

Ademais destes catro duros recortes que se barallan, están a suba de taxas, copagamentos, peaxes, privatizacións... A indignación é evidente: a cidadanía acabará pagando os excesos e a gula do sistema bancario español nos mercados financeiros. E polo lado que nos toca, as traballadoras e traballadores públicos atopámonos na primeira liña de batalla contra os novos recortes.

Cando a lei de medidas Nuñez Feijoo falaba de manter os servizos públicos, logo descubirmos que non se refería á sanidade, educación ou servizos sociais. O tempo demostrou que se refería a servizos esenciais non para a cidadanía, senón para o PP, como por exemplo: as subvencións aos medios, os convenios de xestión privada, os mausoleos ou calquera dos outros que levamos denunciando baixo a etiqueta de falsa austeridade.