Mediante unha nota remitida aos medios o 20 de xullo, o Consello da Xunta asegura que "os empregados públicos galegos recuperarán a paga extra de 2012 en exercicios futuros e de forma directa na nómina". Fanse eco desta nova xornais como "La Voz de Galicia" ou "Faro de Vigo", nas súas edicións do 21 de xullo. 

En realidade, o punto 2.4 do artigo 2 do proxecto de lei autonómica aprobado onte para a transposición do Real Decreto-Lei 20/2012 no ámbito da Xunta, dispón escuetamente o seguinte:

Artigo 2.2.4. "As cantidades derivadas da supresión da paga extraordinaria e das pagas adicionais do complemento específico ou pagas adicionais equivalentes de acordo co disposto neste artigo serán obxecto de recuperación en exercicios futuros, con suxeición ao establecido na Lei Orgánica 2/2012, de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira e nos termos e con alcance que se determine nas correspondentes leis de orzamentos."

Non se articula, xa que logo, mecanismo ningún de recuperación directa e definida da paga extra, senón que se expresa apenas un compromiso político sen concreción temporal e condicionado a que mellore a situación económica, ambas circunstancias escasamente probables, dada a vertixinosa caída libre en termos sociais, democráticos e económicos que está a experimentar o conxunto da sociedade  como resultado das atroces políticas de imputación á maioría da poboación dos custos da socialización do rescate á banca privada.

Tendo en conta a situación límite que están a vivir xa moitos empregados públicos e as súas familias, desde a CIG queremos manifestar o noso máis contundente rexeitamento e indignación con este comunicado con valor meramente propagandístico do Consello da Xunta, que non deixa de ser a outra cara da moeda da continua campaña de desprestixio dos servidores públicos, convertidos en bodes expiatorios para desviar a atención sobre os catastróficos resultados das políticas de "austeridade asimétrica", coas que se está a hipotecar o Estado para rescatar á banca privada.