No DOG do 29/08/2012 publícase a resolución da contratación dun servizo de publicidade da Consellaría de Sanidade cun valor estimado de 2.200.000 € para "sensibilizar e promocionar o consumo de medicamentos xenéricos". A empresa afortunada  foi Avante Galicia Marketing y Medios, S.L. que ten unha delegación en Compostela.

Neste escenario de precariedade no que non hai cartos para servizos públicos sempre aparecen cartos para as privatizacións, os rescates bancarios, o banco malo e, por suposto, para publicidade institucional. Neste caso, este contrato semella ter un toque de humor negro ao gastar Sanidade os cartos públicos na publicidade da política desenvolta ao redor dos medicamentos xenéricos no canto da compra ou subvención deses medicamentos.

Desde a CIG-Autonómica continúamos a denunciar a falsa austeridade da Xunta de Galiza que repite coma un mantra que non hai cartos, cando continúa a gastalos en obxectivos que nada teñen que ver cos servizos públicos e sí con intereses privados.

Tendo en conta que parte da poboación xa ten que pagar por enteiro certos medicamentos ou aumentou a contribución ao pagamento destes, está de sobra concienciada sobre este gasto. A bo seguro a maioría da cidadanía considera que estes 2.200.000€ irían mellor destinados ao sostemento do Sistema Público de Sanidade que a poñer o logo da Xunta de Galiza continuamente en todos os medios de comunicación.

*Nota remitida aos medios

Se tamén pensas así, descarga este escrito e remítello á conselleira de Sanidade.