O xoves 13 de setembro, o persoal funcionario e laboral da Xunta concentrouse entre as 11 e as 12 horas en moitas cidades e vilas do País. As traballadoras e traballadores berráronlle a Feijóo que non están de acordo coa supresión da paga extra, coa eliminación de días de asuntos propios, coa penalización das baixas do persoal traballador, coas amortizacións de prazas e co desmantelamento dos Servizos Públicos en xeral.

As consignas que se berraron, entre outras, foron “Non faltan cartos, sobran ladróns”, “O Público é Servizo, o privado beneficio”, “A Xunta de Galiza, recorta e privatiza”, “O noso diñeiro, vai para os banqueiros”, entre outras.

Desta volta si apareceu prensa, ao contrario que a semana pasada, pero tarde, mal e a rastras e de seguro que non atopará o mesmo espazo que para calquera chorrada que axude a que a cidadanía pense en calquera outra cousa. De seguro que o desmantelamento dos Servizos Públicos, os recortes á cidadanía, non son tan importantes como calquera partido chorra da “roja”, opio para o pobo, non vaia ser que nos deamos conta do que realmente ocorre e nos ergamos todos e todas dunha vez e mudemos esta sociedade para que se converta nun modelo de xustiza social, tal e como incluso a constitución española tende a recoñecer.

Os empregados e empregadas públicas non imos ficar parados nin calados, aí veñen as eleccións autonómicas, outra das consignas que se berrou foi “Feijóo cretino, volve de interino”. Moito ollo, sr. presidente, agora tócalle a vostede pasar por un proceso de recortes e igual vai ter que procurar acomodo noutro lugar, lonxe das caras cadeiras do Consello da Xunta, onde aprobou vostede e os seus vasalos medidas e medidas en aras da austeridade que supoñen, realmente, a posta nas mans do capital do suculento negocio dos Servizos Públicos.