Coas medidas aprobadas polo Partido Popular de Galiza o pasado 28 de febreiro de 2012 (supresión do fondo de acción social, penalizacións das baixas e outras) o goberno galego dixo que aforrarían 80 millóns de euros, chegando a dicir Feijoo que, grazas a esas medidas, non farían falla novos recortes. Temos pois a Feijoo, no mes de abril e maio, con cartos a varrer, “xa tiña feito os deberes”.

Chega o mes de xullo e Rajoy suprime a paga extra de nadal a todos os empregados e empregadas de todas as administracións (moito máis aló do recorte do 5 % de Zapatero), suprime unha das catorce pagas ás que tiñamos dereito coma o resto de traballadores, que supoñen algo máis do 7 % do gasto anual de persoal da Xunta de Galiza: unha paga menos para todo o persoal administrativo, sanitario, docente, de servizos sociais... unha suma de moitos millóns de euros que aparecen “liberados” nas contas da Xunta no mes de xullo, que se cancelou xa nos orzamentos e que, polo tanto, quedou libre para outros gastos.

E por San Caetano e os recunchos da Xunta corre a pregunta: onde están eses cartos? Son moitos cartos (adeus ao alivio da hipoteca, adeus gastos de nadal, etc.), uns 200 millóns de euros, aos que non se sabe se Feijoo está agardando outro recorte nas cotizacións (outros 50 millóns?) e os meses transcorridos dan lugar a sospeitas e lóxicas desconfianzas.

Feijoo ten que explicar que fixo ou que pensa facer con eses cartos, e non vale que saia dicindo que “reduciu o déficit”. Aínda que os apuros económicos do persoal da Xunta preocúpanlle pouco, diante da cidadanía galega ten que render contas: que explique como e en que gastou eses cartos, cando antes dicía que a Xunta xa fixera os deberes e se apañaba sen ese recorte “decidido por Rajoy”…

*Nota remitida aos medios