Ista solicitude de aclaración enmárcase dentro da enésima solicitude para retomar a negociación das Instrucións de permisos, vacacións e licenzas. Está tamén pendente o desenvolvemento normativo da flexibilización de xornada. Ambos aspectos non supoñen ningún desequilibrio orzamentario e si beneficios para as traballadoras e traballadores públicos.

A negociación do borrador de Instrucións de permisos, vacacións e licenzas aplicables a todo o persoal da Xunta de Galiza atópase parada sen que tivera resposta as nosas diferentes solicitudes para retomala. Neste tema, hai algunhas consellarías ou centros de traballo nos que a día de hoxe os servizos de persoal non saben dar unha resposta ás traballadoras e traballadores sobre os seguintes aspectos: o límite temporal do gozo das vacacións e días de asuntos propios e a consideración de non laborable do 24 e 31 de decembro.

Esta falta de regulamentación provoca un problema evidente na xestión dos recursos humanos nos centros de traballo e unha dificultade na conciliación da vida laboral, persoal e familiar xa que moitas traballadoras e traballadores a día de hoxe non saben a que aterse á hora de solicitar as súas vacacións e/ou días de asuntos propios.

Ante esta situación, desde a CIG vimos de solicitar (e non cansamos) que se retome o proceso negociador do borrador de Instrucións de permisos, vacación e licenzas ou, canto menos, ditar as instrucións precisas para aclarar os aspectos sinalados. Entendemos que non é de recibo a dita impredicibilidade e que, en todo caso, causaría un agravio comparativo unha diferenza de trato segundo a consellaría ou centro de traballo nos que preste servizos o persoal.

Estamos nunha época "estrana", certo, pero non o é de recibo que nestes tres anos e medio non se substanciaran estes asuntos referentes ao persoal. De todos os xeitos, non se pode chegar a paralizar a Administración por un proceso natural de eleccións atá tal punto que "ninguén saiba nada" de asuntos que deberán ser tan ordinarios como os aquí expostos.