A cafetaría de San Caetano, por obriga das correspondentes prescricións técnicas, ten a obriga de publicar os seus menús tanto na língua propia do país como en castelán. Non en tanto, nun sitio web de google, publícase semanalmente o menú unicamente en castelán. Aínda que o propio sitio indica que non é unha web oficial, os menús coinciden completamente co que está enriba das mesas da propia cafetaría.

A cafetaría de San Caetano non é só un lugar frecuentado polos traballadores e traballadoras do lugar, tamén é un local que recibe cidadáns que acoden aos edificios administrativos a efectuar calquera tipo de xestión, polo que podemos dicir que a cafetaría é unha imaxe da propia Xunta de Galiza.

Así mesmo, a Xunta ten a obriga de pular polo galego, de promovelo e fomentalo, e de coidar polo seu correcto uso. Polo tanto non se entende que, no menú publicado en castelán, se utilicen términos castelanizados como "rajo" que só existen no imaxinario do redactor de tal menú. Non entanto, nese mesmo folletiño, respéctanse terminoloxías de outros idiomas, como poden ser a palabra pizza ou minestrone, as cales non deben de resultar tan doadas para castelanizar para o iluminado escribinte.

Dende a CIG-Autonómica en Servizos Centrais, lembrámoslle á Consellaría da Presidencia, como última responsable da xestión da cafetaría, así como á Secretaría Xeral de Política Lingüística, as súas obrigas de velar polo correcto uso da nosa língua e que se tomen un pouco en serio esta tarefa.