O venres, 14 de decembro, rematou a campaña de recollida de alimentos para a cociña económica e o albergue de San Francisco de Compostela. A dita campaña foi promovida e levada a cabo por un grupo de traballadores e traballadoras da Axencia Galega de Infraestruturas, limitándose as distintas organizacións sindicais a facerse eco da medida e colaborar na recollida.

Segundo nos comentan desde a organización, a campaña foi todo un éxito e esperan repetir en marzo. Resulta destacable, por exemplo, a medida levada a cabo polas traballadoras e traballadores de Sanidade que recolleron até 267€ nunha soa hora e despois fixeron unha megacompra de produtos básicos. Un dos tantos exemplos desta campaña de todo o que se pode facer con boa vontade e un chisco de cooperación.

Estas medidas non tratan de substituír o labor social que deben levar a cabo as distintas Administracións cuxa función debe ser redistribuír a riqueza. En calquera caso, é un reflexo dos efectos dos recortes nas persoas máis débiles, unhas persoas que de tan só modificarse a normativa actual en temas de alimentación quedarían asistidas cos excedentes da cadea de produción e distribución que moitas veces acaban no lixo como denunciou o programa Salvados o 9 de decembro.

A solidariedade e a cooperación deben existir sempre, máis en certas situacións críticas, pois cando aos datos de pobreza (esas 12 millóns de persoas do estado español que se atopan en risco de exclusión social), son persoas coñecidas que quedaron sen traballo ou simplemente se lles pon cara visitando as instalacións que xestionan esta axudas, a actitude cambia. En todo caso, estas institucións benéficas non poden nin deben substituír a labor do estado de benestar.


Rescates para as persoas e non para a banca!


Por certo, xa que nos cadraba de camiño, uns compañeiros da CIG pasaron co primeiro dos dous carros de alimentos polo despacho da directora da Asesoría Xurídica da Xunta a pedirlle a colaboración, xa que hai ben pouco tocoulle un carro similar no Hipercor de Marineda City por valor de 300 €, pero non estaba e non puido colaborar, mágoa! A ver se para a seguinte...