O Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña vén de emitir unha nota na que responsabiliza á conselleira Beatriz Mato da situación actual dos centros de atención de residencias de maiores, centros de menores, CAPD e escolas infantís, cos traballadores a mínimos, descoñecemento das quendas de traballo do 2013 e en situación de estrés laboral permanente.

O Comité de Empresa  aprobou un calendario de asembleas e mobilizacións a partir do vindeiro luns 7 de xaneiro de 2013, co fin de denunciar a situación na que estan a desempeñar as suas funcións e responsabilidades as traballadoras e traballadores dos centros dependentes da conselleira Betariz Mato. Denuncian unha situación insoportable con estrés laboral permanente pola escasez de persoal e medios á que se reduciu as prestacións nos centros de atención a persoas maiores, escolas infantís, centros de menores e CAPD A Coruña. Destacan tamén que nestes centros aínda non se ten negociado as quendas de traballo para o 2013 e a incapacidade do persoal de Dirección nomeado a dedo para xestionar os cada vez máis recortados recursos dos que dispoñen.

Aseguran que a conselleira Beatriz Mato está a levar o caos o sistema público de servizos sociais galegos ante falta de decisións que solucionen os problemas destes centros, que só manteñen o seu alto nivel de servizo aos usuarios pola entrega e dedicación co que, a pesar de todo, seguen a traballar o persoal laboral alí destinado.

O calendario de asembleas e mobilizacións é os seguinte:

  • Día 7 xaneiro: Asembleas en Residencia de Maiores de Volta do Castro e na Residencia de Maiores Porta do Camiño. As dúas en Santiago de Compostela.

  • Día 8 xaneiro:Asembleas en Residencia de Maiores de Torrente Ballester da Coruña e CAPD A Coruña.

  • Día 9 xaneiro: ás 12,30 concentración de protesta diante da Xefatura Provincial de Traballo e Benestar da Coruña.

  • Día 10 xaneiro: Asembleas en Residencia de Maiores de Oleiros e Centro de Menores San Xosé de Calasanz da Coruña.

  • Día 11 xaneiro: Asembleas en Residencia de Maiores de Ferrol e Centros de Menores de Ferrol.

  • Día 14 xaneiro: Asembleas en Residencia de Maiores de Carballo e Residencia de Maiores da Pobra do Caramiñal.

  • Día 15 xaneiro: Asembleas en Complexo Xuveníl As Mariñas en Gandario