Ante a proposta da Consellería de Traballo e Benestar de destruír 251 empregos públicos que afecta a centros residencias de maiores, CAPD, centros de menores e servizos da dependencia e oficinas de emprego, a Xunta de Persoal de Servizos Centrais manifesta o seu rexeitamento absoluto a estas medidas de desmantelamento de servizos básicos para os colectivos mais desfavorecidos da sociedade; persoas maiores, dependentes, persoas paradas e os menores.

A Consellaría de Traballo e Benestar vai ser a responsable do primeiro despedimento masivo que vai a levarse adiante na Xunta de Galiza e que supón unha regulación de emprego encuberta. 

Esta destrución de emprego público a gran escala amosa unha nefasta xestión dos servizos públicos, e ten como resultado: máis paro, máis precariedade e máis recortes ás persoas usuarias. A amortización destes 251 postos de traballo convertese nunha forte agresión ao sistema de servizos sociais públicos de Galicia, do que esta consellaría procede de xeito hipócrita.

 Mentres se esgrime a bandeira da austeridade para emprender estas “reformas”, en Traballo e Benestar non hai recortes no proceso privatizador  dos servizos públicos; asina contratos e convenios con empresas privadas ou entidades amigas e non lle importa manter nas súas instalacións de servizos centrais asistencias técnicas que cobran o dobre para facer as funcións propias de empregadas e empregados públicos.

A Xunta de Persoal de Servizos Centrais quere criticar que os representantes políticos na Xunta negaran sempre que as restrición orzamentarias non ían supoñer a amortización de prazas ocupadas, ou o que o mesmo, que estes axustes non ían implicar despedimentos. Queremos tamén amosar a nosa solidariedade coas decenas de compañeiras e compañeiros afectados e prestar o noso apoio e colaboración cos comités de empresa respectivos na loita pola defensa do emprego e dos servizos públicos.