Co motivo do 25º aniversario da sección sindical da CIG nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, aproveitamos a ocasión para publicar electrónicamente os boletíns que entre o marzo 1988 e setembro de 1990 se publicaron en papel por parte da sección sindical da INTG daqueles tempos, e que rematou uníndose coa CXTG derivando na CIG-Autonómica actual. Acceder á biblioteca de boletíns históricos

Como se pode observar, o propio Boletín cumpre tamén 25 anos, unha publicación inherente á propia acción sindical que se desenvolveu e se segue desenvolvendo dende a perspectiva nacionalista e de loita de clases, que é a idiosincrasia propia da CIG.

No primeiro boletín de marzo de 1988, ademais da constitución da sección sindical, aparecen reinvidicacións históricas como son o convenio único para o persoal laboral e unha Lei da Función Pública Galega negociada, normativas que aínda non existían daquela. Outra das cuestións destacables daquel primeiro boletín sindical no ámbito da Administración Autonómica era unha serie de demandas da Plataforma Reivindicativa da Xunta de Persoal (na que estaban Feijóo e Negreira, por certo) e nas que se reclamaba un Fondo de Acción Social, non traballar polas tardes e unha xornada de verán, entre outras cuestións.

Moitas destas cousas sónannos a chinés, cousas dos vellos, pero si: antes traballábase polas tardes, sen ir máis lonxe. E ollo porque algunhas das conquistas daqueles tempos perdímolas este último ano, como son o Fondo de Acción Social e as pagas extras completas.

Naqueles dous anos, implantáronse as bases do boletín actual, baseadas na denuncia, na acción sindical e tamén na sátira política. Lembremos que a sección sindical naceu na época do tripartito e convertiuse en CIG xa con Fraga no poder. O reparto de agasallos, tradición que tamén se conserve e se fai puntualmente co boletín actual, naceu neses tempos chegándose a repartir condóns coa mensaxe,”xa que cha están metendo, protéxete”, no boletín de decembro de 1989.

É curioso botarlle unha ollada a estes 25 boletíns, nos que se pode observar como foi medrando pouco a pouco esta Administración que se converteu no grande monstro actual. Vendo como aumentaba constantemente o número de traballadores agora que están a botar xente á rúa.

Logo de 25 anos, este é un bo momento para, ademais de celebrar o aniversario da Sección Sindical da CIG, botar unha mirada cara atrás, ver de onde vimos e, sobre todo, até onde queremos chegar. Se imos ficar parados vendo como destrúen os Servizos Públicos ou imos recuperar ese espírito de loita do persoal traballador co que naceu esta Administración, onde non se regalaba nada, onde cada conquista social era conquerida a base de folgas e a conciencia de clase traballadora estaba máis asumida. Daquelas cando só había dous ou tres canais de televisión pero sabiamos claramente quen nos pisaba o pescozo.

Por todo isto, poñemos á disposición do conxunto das traballadoras e traballadores públicos galegos estes documentos, que xa, logo de pasados 25 anos podemos chamar históricos. Uns documentos que son como un espello que reflicten a luz que alumea a historia que está por vir, un espello no que podemos observar que, como clase traballadora, sen loita non hai nada e o conformismo só nos leva á opresión, ou como lle chaman agora, aos axustes macro económicos.