Vergoñenta, lamentábel e insultante. Con estos tres adxectivos pódese resumir de xeito explícito a actitude da Xunta de Galiza neste asunto. No medio da treboada de presunta corrupción política que hai tempo arrodea a capital de Galiza, xurde o raio salvador da Xunta en forma de sendos convenios de colaboración entre a Secretaría Xeral de Medios e a Editorial Compostela e La Voz de Galicia para a difusión informativa das potencialidades de Santiago de Compostela.

Estes dous convenios foron subscritos no terceiro cuadrimestre do ano 2012 e supuxéronlle ás arcas públicas a cantidade de 205.000 €, segundo a resolución que sae publicada hoxe no DOG. Estes cartos forman parte da partida de 14.500.000 € que no período que vai dos anos 2009-2012 xestionou a consellaría de Propaganda da Xunta de Galiza. Con esta operación mediática, a Xunta está a lavar a cara das miserias do goberno municipal do PP na capital do país, o que supón unha nova aldraxe á dignidade de todas e todos nós.

Diante da política de austeridade, recortes e amortizacións de postos de traballo que estamos a sufrir o conxunto dos empregados públicos nos últimos tempos, resulta verdadeiramente insultante que a Xunta acuda ao rescate mediático da capital do país a costa dos nosos cartiños. Pero, claro, o goberno do concello de Santiago de Compostela “es de los nuestros” e non poden quedar abandonados da man de Deus, non vaia ser.

Dende a CIG Autonómica rexeitamos estas políticas de manipulación informativa e propaganda e instamos á Xunta a que aplique as políticas de austeridade orzamentaria onde as ten que aplicar e lembrámoslle que con eses 14.500.000 de euros non sería necesario nin recortar soldos, nin penalizar as baixas laborais nin amortizar postos de traballo, por exemplo.