No DOG do 25/04/2013 saen publicadas as licitacións dun total de 11 contratos da AMTEGA por valor de 8.250.000€. Esta axencia leva licitados nos últimos dous anos un total de 200 contratos sen transparencia algunha sobre cal destes traballos puideran ser desempeñado por persoal propio e as asistencias técnicas con risco de indefinición que están provocando.

A pesar da nosa proposta de Comisión de control, á Xunta non lle interesa para nada a participación allea que poña en dúbida o que é privatizable ou que aumente a transparencia das contratacións públicas que erosionan o emprego público, máis nos contratos tan cuantiosos como os relacionados coas novas tecnoloxías. Non lle intersa o control nin dos traballadores e traballadoras públicas, nin das organizacións sindicais, nin do Parlamento... en fin, unha mostra máis da prepotencia no xeito de xestionar os recursos humanos públicos, outra mostra máis da prepotencia absoluta no xeito de gobernar do "señor das neves".

Dentre os contratos que saen licitados o 25 de abril hai de todo, xa que agora a contratación pública de cuestións informáticas e novas tecnoloxías está centralizada na AMTEGA: desde mantemento de software, hardware, arrendamento das fotocopiadoras, financiados por Europa, sen financiar, contratos de servizos ou subministros. Algúns destes contratos, os que conlevan o desenvolvemento ou mantemento de software son unha vella demanda de carga de traballo do persoal informático da Xunta.