No DOG do 14/05/72013 publícase a licitación dun contrato de servizos informáticos do Instituto Galego de Vivenda e Solo. No Prego de claúsulas técnicas descubrimos que se trata fundamentalmente de obter os servizos de 4 informáticos/as: 1 xefe/a de proxecto, 1 analista e 2 programadores/as. Na RPT actual do IGVS pode comprobarse que o Servizo de Informática componse actualmente de 5 postos nos que xa existen estes perfís profesionais.

Porén, a Xunta continúa coa súa teima de amortizar postos de persoal informático cando contratos como este demostran que son necesarios. Estas necesidades existen e tamén existen os profesionais sen necesidade de irse a buscalos fóra da Xunta e se houbera necesidade de reforzar o persoal para iso están as listas de contratación. Pero o máis importante, contratos como estes demostran que si que hai cartos: 400.000 € máis IVE. O que nos da a impresión é que hai cartos para privatizar pero non os hai para contratar persoal propio.

Como levamos denunciando durante moito tempo, detrás da "austeridade" non se atopa máis que un cambio de modelo: a prestación de servizos públicos a través de empresas privadas. E como está demostrado "o público é servizo e o privado beneficio". E este beneficio adoita sacarse de dúas formas: ou empeorando o servizo ou empeorando as condicións laborais das traballadoras e traballadores subcontratos ou ambos á vez. Sen dúbida a Xunta está apostando por este útlimo modelo. E iste modelo para os traballadores e traballadoras públicas ten evidentes prexuízos: recortes, amortizacións e despedimentos.

Defende o público, defende o teu!