Dende que o pasado 27/03/2013 foi asinado o acordo entre a Dirección Xeral de Función Pública e o Comité Intercentros que posibilita a xubilación parcial anticipada do persoal laboral e o seu correspondente contrato de remuda, vemos que o camiño para a súa execución vai devagar. Aínda que nun primeiro momento a Administración negouse a pactar a acumulación de xornadas, posteriormente recuou e ofreceu a negociación das mesmas.

Unha vez que lle achegamos as nosas propostas, Función Pública preséntanos unhas instrucións que van posibilitar a acumulación anual en xornadas completas agás outros acordos que poidan acadarse entre o/a traballador/a e a súa consellaría. No contrato a tempo parcial que deberá subscribir o/a traballador/a parcialmente xubilado/a ten que reflectirse dentro das cláusulas adicionais a redución de xornada e a súa forma de acumulación.

A CIG, promotora deste acordo, esixe a inmediata negociación que permita alcanzar unhas instrucións satisfactorias para aquel persoal laboral que desexe acollerse á xubilación parcial anticipada.